Do Pontillón do Castro á billa, pasando pola ETAP de Lérez

O maior almacén de auga de Pontevedra, de 15.000 m3 , en obras para garantir a súa impermeabilidade ? A cidade conta con outros oito depósitos dende os que se distribúen os recursos hídricos
O concelleiro Raimundo González xunto ao alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, no interior do maior depósito de auga de Pontevedra. CEDIDA
photo_camera O concelleiro Raimundo González xunto ao alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, no interior do maior depósito de auga de Pontevedra.

O maior almacén de auga da cidade, onde se custodian os recursos hídricos despois de ser captados e potabilizados para distribuír entre os concellos de Pontevedra e a súa costorna, sométese a unha intervención para mellorar a súa impermeabilidade. Trátase dunha obra que ten un orzamento de 544.000 euros e que está previsto que remate nun mes, tal e como explicou onte o responsable de Viaqua Casimiro González durante unha visita na que participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira do Ciclo da Auga, Carme da Silva, e o concelleiro de Infraestruturas Hidráulicas, Raimundo González.

A Estación de Tratamento de Auga Potable (Etap), situada en Lérez, é un punto de paso obrigado da auga que abastece a Pontevedra, ademais de Vilaboa, Marín, Poio e Sanxenxo, e foi obxecto da visita por parte do Goberno local no contexto da celebración do Día da Auga, o pasado luns.

O tanque máis antigo é o de San amaro, data do ano1886 e foi ideado polo arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmero

O tanque visitado o venres foi construído en 1988 e custodia a auga que se potabiliza a só uns metros, nas mesmas instalacións, para logo ser distribuida pola rede de depósitos que hai por toda a cidade e chegar ás casas. Deste xeito, durante a visita puido accederse ao interior do almacén que, en ciscunstancias normais, permanece pechado ao acumular un volume de 15.000 metros cúbicos de auga, o que supón 15 millóns de litros e seis piscinas olímpicas.

As obras de impermeabilización buscan selar posibles fugas, así como evitar que se filtre auga de chuvia ao interior do tanque e se mesture coa auga potabilizada. "A impermeabilización permitirá aumentar o aforro enerxético, porque evitan que se perda auga e o conseguinte bombeo para recuperar a auga filtrada", dixo Lores. Unha vez rematen os traballos, será preciso levar a cabo unha serie de protocolos sanitarios de limpeza do interior do tanque no que se almacena a auga para poder volver enchelo.

"É preciso ir facendo investimentos continuados", explicou o alcalde, que recordou que Pontevedra se sitúa á vangarda no cumprimento dos obxectivos de aproveitamento de recursos hídricos cun desperdicio de auga situado no 2%.

Pontevedra conta cunha rede de oito depósitos de auga para abastecer á súa poboación e máis a dos concellos da área, incluíndo un novo que se construirá en Valadares (Marcón). Entre todos suman unha capacidade de 44.500 metros cúbicos, o que chega para dous días de abastecemento. En épocas como o verán, cando a poboación de núcleos como Sanxenxo crece, a ETAP dá servizo a unhas 300.000 persoas.

O depósito máis antigo de Pontevedra foi proxectado polo arquitecto Alejandro Rodríguez Sesmero no ano 1883 e construído en 1886, atópase en San Amaro e ten unha capacidade de 1.000 metros cúbicos. Ademais, o concello conta cun tanque en Lérez de 1928 con 6.000 metros cúbicos de capacidade; outro en O Castelo, que ten 80 metros cúbicos de capacidade, e dous no Campiño, de 1.000 e 3.000 metros de capacidade e construídos en 2007 e 2011, respectivamente. Os dous almacés do Campiño están intercomunicados para intercambiar as zonas de subministración dos mesmos.

A Etap de Lérez ten dous depósitos: o maior de Pontevedra, que foi visitado na xornada de onte, e outro máis, construído en 2015 cunha capacidade de 12.500 metros cúbicos. Precisamente a existencia deste segundo tanque permite o baleirado do anterior para as obras. O último dos almacéns é o de Castro Senín, en Mourente, que ten unha capacidade de 3.000 metros cúbicos.

Comentarios