Doce casetas para saborear un 'Espazo Gastronómico Sostible'

'O Mercado' abre as súas portas este xoves
Un dos organizadores preparando os postos de O Mercado. DAVID FREIRE
photo_camera Un dos organizadores preparando os postos de 'O Mercado'. DAVID FREIRE

A Praza de Abastos de Pontevedra transformarase este xoves no novo Espazo Gastronómico Sostible O Mercado, que comeza con grandes propostas e cun total de doce novos postos e dous bares. O acto inaugural terá lugar ás 20.00 horas e estará presidido pola concelleira de Promoción Económica, Gloria Blanco, o alcalde, Miguel Anxo Lores, e o chef de renome Pepe Solla.

Dende o Concello sinalan a necesidade de complementar os produtos locais do mercado cunha oferta alternativa e de calidade nas mesmas instalacións, avivando a actividade da praza ao mesmo tempo que apostan por unha alimentación sostible e saudable.

Entre os estands dispoñibles este ano atópanse distintas propostas. A Batea do Mercado, Vermutería Filamento, Piada Romagnola, A Fervella, Na Pola, Merluzateca, Bar Praza, A Polbería, Nasa, Sete de Abastos, Umami Poke, A Viñoteca do Mercado, Hortasán e Olmos Gastrobar son os participantes do espazo. Todos eles salientan a diversidade na súa oferta culinaria.

Ingredientes frescos e naturais, tradicionais e veganos, ou elaborados vermús e cócteles completan un cartel gastronómico máis que apetecible. Algúns dos postos contan con servizo a domicilio para os que prefiran saborear o produto dende o seu fogar.

GANAPÁN GOURMET. Este gastroespazo tamén dispón de obradoiros infantís Ganapán Gourmet que darán a oportunidade de participar na iniciativa aos máis cativos para que se interesen pola boa alimentación e a arte culinaria.

O horario de apertura do mercado dependerá de cada caseta.

Comentarios