Doce centros da cidade participan nas actividades do Plan Proxecta

A iniciativa chega a 48.000 alumnos da provincia, que desenvolverán 324 proxectos

Actividade de alimentación no IES A Xunqueira II. GONZALO GARCÍA
photo_camera Actividade de alimentación no IES A Xunqueira II. GONZALO GARCÍA

Doce centros educativos de Pontevedra participarán este curso nas actividades do Plan Proxecta. Na provincia son 192 e, ao seu abeiro, 48.000 alumnos desenvolverán 324 proxectos nalgún dos 45 programas que compo- ñen esta iniciativa, segundo informou a Consellería de Educación.

En Galicia participarán no Proxecta 515 centros de ensino (un 20% máis que o ano pasado), nos que preto de 123.000 alumnos (un 35% máis que no curso anterior) e arredor de 5.500 docentes desenvolverán 911 proxectos. O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Neste curso ofertáronse 45 programas, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, o audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.

Os programas máis exitosos en Galicia son PDC (proxecto deportivo de centro. Centros activos e saudables), con 229 centros participantes; Aliméntate ben, con 126; Quérote+, Meteoescolas e Proxecto Terra, con 39 centros implicados cada un deles, e Proxecto Ríos, con 34 centros. Das 45 iniciativas, 36 xa funcionaron o curso pasado. Outras cinco son moi similares pero reformuladas co fin de melloralas, caso de Aliméntate ben, Por 365 días de respecto e igualdade, Donas de si, Educación patrimonial e Formando creador@s. Así mesmo, catro son programas totalmente novos: Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional; Campaña Mundial pola Educación, Apuntámonos a non beber e Liga de debate forestal.

Tres centros de Pontevedra apuntáronse a dous programas. Son os IES Valle-Inclán (Aliméntate ben e PDC) e A Xunqueira I (PDC e Correspondentes xuvenís) e o CEIP A Xunqueira II (Aliméntate ben e Nós tamén creamos). Os outros nove son os CEIP A Carballeira (Aliméntate ben), Froebel (PDC), Cabanas e A Xunqueira I (Recíclate con Sogama) e o CPR Sagrado Corazón (Rede de Centros Escolares Solidarios). A relación complétana os IES Frei Martín Sarmiento (Donas de si), Sánchez Cantón (Proxecto Terra), A Xunqueira II (Aliméntate ben) e Montecelo (Quérote+).

Comentarios