Doce empresas ofértanse para executar a intermodal

Este proxecto conta cun investimento de 3,4 millóns de euros
2019080613393388385
photo_camera Infografía do proxecto da intermodal de Pontevedra. DP

Ata doce empresas presentaron as súas ofertas para levar a cabo as obras do futuro complexo intermodal de Pontevedra, que contará cun investimento de 3,4 millóns de euros. Este proxecto busca conseguir unha conexión real entre a estación de ferrocarril e a de autobuses. Nel se contempla a conexión peonil entre ambas terminais grazas á realización dun itinerario para os viandantes que se complementará cunha reordenación urbana da fronte da estación.

O que se prevé é unha humanización da praza e unha reorganización do aparcadoiro. Así, a conexión entre ambas será máis sinxela e segura e se recuperará un espazo público para os cidadáns.

A idea que se propón inclúe a eliminación dos actuais accesos de autobuses, construíndo un novo enlace directo dende a Rúa Josefina Arruti. Para regular o tráfico instalaranse semáforos e carrís de espera.

De cara a unha mellora medioambiental, tamén se adecuará a contorna do cauce dos Gafos. O obxectivo é poñer en valor a área do río ao carón da estación de autobuses cun novo espazo para o desfrute cidadá. Preténdese destapar o leito e construir unha pasarela de madeira que falicite o paseo. O contrato está enmarcado nun convenido de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Pontevedra. Este conta cun investimento superior aos 6 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega o 75%, é dicir, máis de 4,6 millóns.

A Xunta prevé que as obras incluídas neste acordo se leven a cabo a pleno rendemento a finais deste ano. O obxectivo é conseguir ter o conxunto intermodal rematado no segundo semestre do ano 2020.