sábado. 31.10.2020 |
El tiempo
sábado. 31.10.2020
El tiempo

Docentes ao outro lado do fío

Teledocencia na UVigo. DP
Teledocencia na UVigo. DP
Cambiaron as aulas polos seus propios domicilios, ao igual que o alumnado ao que seguen atendendo a través da pantalla, do correo ou do teléfono

Botan en falta ao seu alumnado e tamén aos seus compañeiros de claustro, cos que non deixan de intercambiar dúbidas ou manter reunións mediante videoconferencia para coordinar, como se pode, a teledocencia obrigada desde o pasado 16 de marzo. O estado de alarma pechou os centros educativos e revolucionou a organización familiar do estudantado, pero tamén do colectivo de mestres. Desde Educación Infantil á Universidade, a inmensa maioría botou o traballo ao lombo e fixo un mestrado apresurado en ferramentas dixitais coas que tratar de manter o contacto co seu alumnado para seguir, daquela maneira, o ritmo das clases.

Son o colectivo que se sitúa entre a presión da sociedade e das propias familias e a Administración, que non acaba de definir as instrucións precisas que rexen o seu labor, sen esquecer a indefinición que rodea ao final de curso. Non se avanza materia, pero avalíase o traballo "voluntario" que se fai na casa. Exames presenciais non, alomenos na Universidade, pero como poderán ser en liña? E que pasará cos demais niveis educativos? Chegarán a pisar as aulas cos escolares antes do verán.

De Infantil a Bacharelato, o profesorado utiliza numerosas ferramentas telemáticas para continuar, daquela maneira, o ritmo da clase, coas aulas virtuais, os blogs e as videoconferencias como as preferidas. Nunca tanto foi certo o de que cada maestrillo tiene su librillo.

E sempre tendo presente a fenda dixital, que ademais de ao alumnado, tamén afecta ao profesorado. De feito, unha enquisa da CG revelou que un 61% do profesorado galego afirmou ter problemas para conectar co seu alumnado.

UVIGO. Na Universidade, concretamente na UVigo, a crise da Covid-19 obrigouna a poñer sobre a mesa todos os recursos dispoñibles para facilitar a continuación do curso a través da teledocencia. "Nun tempo récord fortalecéronse todas as ferramentas da súa plataforma FaiTIC e lanzouse o Campus Remoto, o que supuxo crear un xemelgo dixital da propia institución", subliñou nun comunicado. Un mes despois había creadas 1.600 aulas nos tres campus, FaiTIC duplicou o seu promedio diario de uso -pasando das 20.000 interaccións diarias en marzo de 2019 a máis de 40.000 na actualidade- e as conexións ao campus remoto multiplícanse cada día, tanto no sector do alumnado como no do PDI.

"Estamos moi satisfeitos da acollida, tanto entre os profesores como entre os estudantes, polo inmenso traballo que fixeron e seguen facendo nunha situación e condicións tan adversas para todos", explicou o vicerreitor de Planificación, José Luis Míguez Tabarés.

Só no período temporal do 21 ao 31 de marzo houbo máis de 50.000 conexións de estudantes ao campus remoto, correspondendo preto de 35.000 ao campus de Vigo, de 9.000 ao de Ourense e máis de 7.000 ao de Pontevedra, onde lideraron as conexións Ciencias da Educación e do Deporte, con 3.277, e Ciencias Sociais e da Comunicación, con 2.234.

En relación co uso do campus remoto por parte do profesorado son xa preto de 900 os docentes que utilizan a diario as aulas virtuais. Preto de 200 procedentes da Escola de Enxeñería Industrial, 80 da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarial, 63 de EE de Telecomunicación, outros tantos da Facultade de CC Xurídicas e do Traballo... Ademais, desde o campus remoto é posible gravar clases ou vídeos formativos e polos a disposición do alumnado en FaiTIC sen sobrecargar a plataforma. "As clases por facultades ou escolas creáronse seguindo os criterios dos propios centros. Moitos replicaron aulas de teoría, seminarios, aulas de informática ou laboratorios e, a maiores, creáronse tamén salas de proba en todos os centros", explica a institución.

Na primeira semana de uso, a do 23 de marzo, as conexións de profesores achegáronse ás 4.500. Apenas unhas semanas despois, tras darlle acceso o alumnado, as conexións só de estudantes superan as 40.000.

No caso de FaiTIC, plataforma que nacía en 2003 como sistema de xestión da teledocencia na Universidade e na que estiveron activos desde o curso 2005-2006 4.192 profesores e preto de 100.000 estudantes, as cifras de acceso duplicáronse en comparación coas de marzo de 2019.


CRA DE VALGA. DAS AULAS ÁS FAMILIAS CONFINADAS

Contidos de Educación Infantil para todas as familias de Valga

Captura de pantalla do blog de ValgaO Centro Rural Agrupado de Valga quere converter a ampla e diversa actividade educativa a distancia que está desenvolvendo nun banco de recursos para todas as familias con nenos de Valga e da contorna, de maneira que poidan contar con propostas e ideas para traballar cos seus fillos durante o período de confinamento, segundo informou o Concello.

A través do blog cradevalga.blogspot. com, todas as familias poden acceder ás propostas educativas que plantexa a diario o equipo docente do CRA, que engloba as escolas unitarias de Infantil: actividades de loxicomatemática, lectoescritura, expresión corporal, experimentos... que os nenos poden realizar nos seus fogares de maneira voluntaria e das que envían imaxes e vídeos que as titoras publican no propio blog, que se ten convertido nun medio de contacto entre a comunidade educativa.

A actividade a distancia das escolas unitarias de Valga inclúe a elaboración de retos diarios para o alumnado a través da aplicación Padlet, que tamén permite que as familias poidan compartir as imaxes e vídeos co resto da comunidade, ao tempo que as titoras propoñen outras tarefas individuais coma xogos e materias de reforzo para continuar coa formación integral do alumnado.

As familias que queiran acceder a todos este recursos poden facelo a través do blog, mediante a conta de Instagram do CRA (cradevalga) ou a través do teléfono 881 151 724.


IES VALLE INCLÁN. ESCOLAS EMBAIXADORAS DO PARLAMENTO EUROPEO

O 'Sofá con...' do IES Valle Inclán reinvéntase con encontros en rede

Adaptación do logo do Valle-InclánO estado de alerta non só deixou no pasado as clases presenciais, senón outras actividades que se levaban a cabo nos centros educativos, como o Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo do IES Valle Inclán, que este curso organizou varios encontros entre o alumnado e diversos persoeiros.

Agora esta iniciativa trasládase á rede, pois segundo explicou a coordinadora, a docente Ana Santos, "los alumnos están muy motivados". Esta mesma tarde, de 16.00 a 17.00 horas, terá lugar unha videoconferencia con Pablo Larrubia. membro da asociación Ticket2europe, na que participarán 14 estudantes. Larrubia falaralles do Club Xove, unha plataforma que ofrece á xuventude de Pontevedra a posibilidade de crear e dirixir un espazo colaborativo no que se levarán a cabo actividades que eles consideren importantes para a súa educación. Esta experiencia na rede é a segunda que realizan no confinamento despois da boa acollida que tivo a anterior con Alba Torres. O 7 de maio a invitada será Wajari Velásquez, quen falará de creative commons. Tamén variou o logo por mor de esta pandemia, obra do alumno Javier Carballal Morgade.

Así mesmo, o 9 de maio, día de Europa celebrarase un flashmob no confinamento cunha peza audiovisual, Eu rap, elaborada cos máis de 80 vídeos recibidos durante o confinamento. O alumnado do instituto, axudado dun videotitorial, protagoniza unha coreografía a ritmo do himno de Europa versión rap.


ALBERTO DAFONTE. DOCENTE NA FACULTADE DE CIENCIAS SOCIAIS E DA COMUNICACIÓN

"Foi un cambio moi grande, case como volver á clase maxistral"

Alberto Dafonte, teletraballando no seu domicilio. CEDIDA"Acomodando os horarios á vida". Así se atopa o profesor Alberto Dafonte, ao igual que o seu alumnado da materia Comunicación Televisiva, de 2º de Publicidade e Relacións Públicas. Desde o 16 de marzo cambiou a Facultade de Ciencias Sociais por un despacho no seu domicilio, onde fai malabares para conciliar o teletraballo coas obrigas domésticas e familiares.

Co seu cento de estudantes comúnicase a través da pantalla ou do correo electrónico. "A Universidade de Vigo deunos a posibilidade de impartir docencia síncrona, na que o alumnado se conecta ao campus remoto á mesma hora que acudiría á clase presencial, ou asíncrona, que é a que utilizo eu habitualmente". Trátase do xeito "máis parecido" ás clases convencionais, pero "non estás vendo ao alumnado, falas ao baleiro, aínda que con chats habilitados e información na pantalla".

O xeito asíncrono permite que o alumnado organice o seu horario, xa que ten a clase dispoñible na rede. "Tamén deixo colgado material e facilito recursos como titoriais". Así mesmo, apunta Dafonte, as clases complétanse con titorías polo campus remoto previamente concertadas". Este sistema en diferido tamén permite que o estudantado poida enfrontarse mellor á fenda dixital. Conta o caso dun alumno de Laza (Ourense), que pasa o confinamento no domicilio familiar "e Internet vai como vai. Non podemos supor que todo o mundo está na cidade e ten unha boa conexión ou un bo ordenador". Aínda que estaba afeito ás novas tecnoloxías na aula, para Dafonte a teledocencia está a ser "un cambio moi grande, case como volver á clase maxistral", xa que "na aula faciamos actividades que implican ao alumnado e aquí é complicado, pérdese moita interacción".

Outro asunto será a avaliación. "Os exames en liña, aínda que conten un 40% para a nota, véxoos como unha cuestión complicada, e para substituílos por actividades alternativas queda pouco tempo para organizalas", pois só resta un mes de curso. "Vexo ao alumnado con moito medo".


ANA SANTOS. PROFESORA DE EDUCACIÓN FÍSICA NO IES VALLE INCLÁN

"Me siento como una entrenadora personal para 300 alumnos"

Ana Santos preparando as clases en liña. CEDIDAAna Santos imparte clase de Educación Física a case 300 alumnos no IES Valle Inclán. Uns 60 estudan 1º de Bacharelato e os demais Secundaria, onde a materia se dá en francés, como sección bilingüe. E como se traslada esta materia á teledocencia? A veterana docente confesa. "A veces me siento como una entrenadora personal para 300 alumnos".

Admite que leva "bien" a situación porque lle "encanta" o seu traballo, aínda que o confinamento e a teledocencia lle multiplicaron o horario laboral, pois á parte de atender ao alumnado nas horas convencionais, tamén recibe correos, wasaps e chamadas del e da súas familias. A interacción é total e as datas de entrega, flexibles. "No todo el mundo tiene un buen ordenador o conexión a Internet. Y yo también tuve que aprender un montón de cosas".

Ademais de contar con toda a materia pendurada na aula virtual do instituto, sinala que "tenemos dos blogs y les subo tablas de ejercicios para que elijan su rutina semanal. Tienen que hacerlos un mínimo dos días, igual que las clases que teníamos, aunque les recomiendo que los hagan cinco, pues no se puede estar todo el día sentado", explica. No terceiro trimestre, ademais, tocaban deportes, concretamente voleibol e indiaca, "en el que se juega con una pluma grande que se golpea con la palma de la mano", que foron substituídos por "ejercicios para la salud". Non é a opción preferida dalgúns estudantes, mentres outros lle piden exercicios específicos para manterse en forma, de aí que se vexa como adestradora persoal. O alumnado debe enviarlle vídeos periodicamente, "aunque no se les vean las caras", para demostrar que cumpre co traballo.

Pero a materia tamén ten parte teórica. Santos propuxo un proxecto que relacione o deporte cunha película ("después lo subimos al blog para que vean las pelis que proponen los compañeros y las comenten") e tamén se traballa a lingua francesa en coordinación coa mestra da materia e a lectora. "Tienes que reiventarte. En Educación Física necesitas la práctica, aunque tengas que visionar 300 vídeos para corregirla".


MELA RODRÍGUEZ. MESTRA DE EDUCACIÓN PRIMARIA NO CEIP PLURILINGÜE FROEBEL

"Se chego aos nenos que teñen dificultade na aula, o esforzo xa vale a pena"

Mela Rodríguez conectada ás aulas virtuais. CEDIDAMela Rodríguez é titora de 6º de Primaria no CEIP Froebel, onde imparte Lingua Castelá, Matemáticas e Plástica en inglés. Desta terceira materia tamén ten máis alumnos noutros cursos, mesmo en Infantil, aínda que nestes tempos de teledocencia se está centrando no estudantado de 6º. É, subliña, "un curso importante", pois supón pechar unha etapa no colexio e incorporarse ao instituto en setembro. E todo, nestas circunstancias tan extraordinarias. "En 1º da ESO terán que dar un repaso, pero repítese moito contido", tranquiliza.

Desde que empezou o confinamento, dun xeito tan precipitado que fixo que algúns escolares mesmo deixaran no centro os ordenadores cos que traballan no programa E-Dixgal, Mela da clases por videoconferencia e envía as tarefas para o alumnado, sobre todo para "reforzar as competencias". Este sistema permite, por exemplo, que se fagan correccións conxuntas.

Iso si, o horario tamén se lle multiplicou. "Pola dus mañá temos as clases e polas tardes preparamos a materia para o día seguinte. Teño unha conta de correo específica para o alumnado, pois non quero que quede ningúen descolgado". En todo caso, é moi consciente da fenda dixital. Ela mesma padece ás veces a mellorable conexión a Internet, mentres que tampouco todo o alumnado ten posibilidades de conectarse en calquera momento ou cos mellores dispositivos. "Hai cousas que non se poden dar da mesma maneira. Hai casos nos que toda a familia se conecta cun móbil ao wifi cando esa persoa está na casa. Ímonos apañando". Aínda así, "doume por satisfeita se chego aos nenos que teñen dificultade na aula. Ver que realmente algún aproveita a explicación e o esforzo vale a pena". Pero, iso si, "acabo morta", por iso cre que "non se está valorando o traballo que facemos" e que inclúe unha formación en novas tecnoloxías en tempo récord.

Docentes ao outro lado do fío
Comentarios