Documento de identidade de José Solla

Máis dun cento de obras compoñen Coplas de cego, a exposición que o Museo lle adica este verán ao creador de Marín ►A mostra, que se inaugura este xoves e que permanecerá aberta ata o 23 de setembro, recompila traballos dende os anos 60 ata a actualidade

O pintor de Marín José Solla diante dunha das súas obras da exposición do Museo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O pintor de Marín José Solla diante dunha das súas obras da exposición do Museo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

PONTEVEDRA. Sexualidade, relixión, costumismo, tradición e mar mestúranse en Coplas de cego, a gran exposición do verán do Museo de Pontevedra. «E a gran exposición da programación anual da institución, xunto coa que se lle adicou ao arquitecto Alejandro de la Sota», apuntou o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal. José Solla, creador nacido en Marín, que pasa a metade do ano en Mar de Plata (Bos Aires, Arxentina) e a outra metade en Bueu, é o autor dos máis de cen cadros que reúne esta mostra, que repasa toda a súa traxectoria dende os anos 60 ata a actualidade.

«Yo soy un pintor viejo, que convive con la gente joven, con la pintura actual, y que tiene ganas de seguir haciéndolo», sinalou Solla, na presentación aos medios dunha mostra que será inaugurada ao público mañá (20.00 horas, entrada libre) no Sexto Edificio, onde se permanecerá aberta ao público ata o 23 de setembro. «Esta es la exposición que quería hacer en Pontevedra, una ciudad que quiero y que está siempre en mis pensamientos», explicou Solla, que tamén contou que precisamente o título da mostra era unha referencia á Pontevedra da súa infancia, cando lembraba vir da man da súa avoa e da súa nai á feira e escoitar cantares de cego.

JOSÉ SOLLA

«Soy un pintor viejo que convive con la gente joven, con la pintura actual, y que tiene ganas de seguir haciéndolo»

«Esta es la exposición que quería hacer en Pontevedra, una ciudad que quiero y que está siempre en mis pensamientos»

RAMÓN ROZAS, COMISARIO

«A obra de José Solla non se limita só á pintura. Aquí hai tamén debuxos, collages... O seu traballo ten moito de soño e de goce»

RETROSPECTIVA. O comisario da mostra, Ramón Rozas, e o director do Museo, Carlos Valle, acompañaron a Solla e a Leal na presentación da exposición. «Estamos antes unha gran retrospectiva, que debe ser visitada con calma, degustando as diferentes etapas das que se compón», dixo Valle. «Esta mostra afronta o conxunto da produción do autor e contén os argumentos básicos do produto pictórico: cor, composición, debuxo... É unha sorte de documento de identidade de Solla. Estamos ante un artista galego que coñece moi ben a produción das últimas décadas», indicou o director do Museo.

«A obra de José Solla non se limita só á pintura. Aquí hai tamén debuxos, collages... O seu traballo ten moito de soño e de goce», explicou o comisario. Rozas contou que para el foi «un orgullo e unha felicidade» levar a cabo esta mostra e repasou as diferentes partes nas que se dividiu: unha introducción composta por obras de corte academicista dos anos 60, «unha aproximación ao oficio de pintar»; unha primeira parte centrada no traballo arredor do mar, que se desenvolve nos anos 70 e que «constitúe un resumo poético e delicado a base de abstracción formal e que inclúe a obra coa que gañou a medalla de ouro da II Bienal de Arte de Pontevedra»; unha transición que inclúe debuxos e bocetos de todo tipo ademais de experimentación con collages e, finalmente, a segunda gran etapa da obra de Solla, inspirada no Románico e na súa simboloxía, que el traslada ao seu propio imaxinario do rural galego e que iría dende 1978 ata a actualidade.

«Cónstanos que museos do outro lado do Atlántico amosaron xa interese por esta mostra», rematou o deputado Xosé Leal.

Estrutura en dúas partes

A exposición de José Solla no Museo está estruturada arredor de dúas grandes etapas creativas, segundo explicou o seu comisario, Ramón Rozas. «Falar da pintura de Solla é falar destas dúas grandes etapas», dixo. «A primeira delas, ‘A serie branca’, constitúe un estudo en profundidade do mar». Un mesmo mar, o Atlántico, retratado «dende dúas orelas diferentes», comentou Rozas. Este primeiro periodo incluiría obras dende os anos 60 ata finais dos 70.

«A segunda etapa iniciaríase en 1978, cando o artista comeza o seu particular estudo da simboloxía da arte románica, unha simboloxía que acaba facendo súa a través dunha desbordante imaxinación. Inserta todo iso que estuda na nosa cultura rural, na vida da aldea, que é a que nutre a súa pintura».

Audiovisual
Rozas tamén apuntou que, ás 109 pezas que hai nas salas, hai que engadir outras dúas. Unha reproducirá, na cristaleira do Sexto Edificio, a obra que Solla ten na Praza Massó de Bueu. A outra será un audiovisual de Alba Sotelo.

Comentarios