Domínguez critica a "falta de iniciativa" para colocar atraccións

A Concelleira de Festas non pecha a porta á instalación se hai cambios na norma
Domínguez, reunido coas representantes dos feirantes. DP
photo_camera Domínguez, reunido coas representantes dos feirantes. DP

O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, reuniuse onte con representantes do sector das atraccións de feira para atender ás súas demandas nun momento especialmente complicado para levar a cabo a súa actividade. Durante a reunión, o popular expresou o malestar do colectivo ante a "falta de iniciativa" do Goberno local á hora de deseñar un plan para a instalación de atraccións nas festas.

Neste sentido, Domínguez denunciou que os feirantes levan dende novembro solicitando unha reunión co Concello sen que os teñan recibido.

No primeiro bosquexo das festas do verán que fixo a responsable municipal de Festas, Carme da Silva, as atraccións quedaban fóra do programa atendendo aos criterios anticovid vixentes no momento. Por iso, o sector compartiu este martes  na sede do PP local a súa preocupación por que o Concello non permita a instalación de atraccións. Do mesmo xeito, alertan de que o ente local xa estaría fóra de prazo para a preparación das bases para calquera evento. "Es sangrante la falta de diálogo del Gobierno local con un sector que lleva prácticamente dos años sin poder trabajar. Otras ciudades gallegas ya han creado protocolos de seguridad y han reducido el pago de la tasa municipal por instalarse", explicou Rafa Domínguez tras a reunión.

Pola súa parte, a concelleira de Festas dixo que ningunha das cidades coas que se puxo en contacto o seu departamento tiña prevista a instalación de atraccións de feira. Do mesmo xeito. recordou que a normativa, que determina a Xunta de Galicia, vai cambiando. "A actividade hoxe en día ten posibilidades moi limitadas, pero vai habendo cambios que poden abrir a porta a que en agosto se poidan facer actividades que agora non se poden e, se é así, nós imos propiciar que as haxa", dixo Da Silva. A concelleira insistiu en que o fundamental é que a actividades se leva a cabo de xeito seguro tanto para os feirantes como para os usuarios.

Comentarios