Reivindicación do señor Don Bryant

O músico de 76 anos de Memphis ofrece no Festival de Jazz de Pontevedra o seu único concerto en España

O norteamericano Don Bryant nun momento da súa actuación. DAVID FREIRE
photo_camera O norteamericano Don Bryant nun momento da súa actuación. DAVID FREIRE

Introducción a cargo de The Bo-Keys. E xa, directamente, ovación. Porque era a primeira vez que viña a España. E porque a do mércores á noite era a única ocasión de velo por aquí. O norteamericano Don Bryant (Memphis, Tennessee, Estados Unidos, 1942) saíu ao escenario da Praza da Ferrería, sorriso de orella a orella, americana branca, saudando, flow de Memphis, lanzando bicos, e o público recibiuno exactamente como o que era: unha das grandes estrelas que trae o Festival Internacional de Jazz e Blues a Pontevedra. "Thank you! I love you!", agradeceu o recibimento entusiasta. E púxose a cantar.

Cantante e compositor que traballou sobre todo nos anos 70, Don Bryant é coautor de varios temas de Ann Peebles, incluída a I Can Not Stand the Rain, que popularizou Tina Turner. Co final da década a súa carreira quedou aparcada, ata que hai dous anos se uniu á banda The Bo-Keys como vocalista e comezou a reivindicarse como unha das grandes voces masculinas do soul e do gospel.

Nos dous xéneros desmostrou moverse este mércores como o faría quen ten a experiencia suficiente para saber que do que se trata é de relaxarse, gozar e facer feliz a un público que tivo á súa mercede de principio a final.

"É unha figura mítica redescuberta e recuperada hai uns anos que, a pesar da súa veteranía, é a grande aposta do festival", dicía o coordinador do evento, José Antonio Ortiz, o día da súa presentación. "Tivemos a oportunidade de pechalo en exclusiva e fixémolo. É un deses concertos tan singulares que estamos seguros de que lle dará unha especial relevancia ao festival deste ano".

ABE RÁBADE. O soul e o góspel de Don Bryant dálle paso este xoves ao jazz contemporáneo dun dos músicos máis destacados de Galicia neste xénero, Abe Rábade.

O artista, "que estivo no festival nos inicios da súa carreira [2001], volve este xoves convertido nun dos pianistas máis importantes de Europa", sinalaba José Antonio Ortiz. Rábade estará acompañado polos músicos que conforman a súa sección rítmica dende o ano 2008, André Rosinha (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería).

Comentarios