Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

Dornas, bucetas e traiñeiras para escoitar o corazón da ría desde o Sagrado Corazón de Praceres

Pablo Carro xunto a un grupo de 3º de Primaria traballando coa exposición. OLGA FERNÁNDEZ
Pablo Carro xunto a un grupo de 3º de Primaria traballando coa exposición. OLGA FERNÁNDEZ

O colexio concertado traballa nun proxecto que ten o mar como eixe principal e que inclúe unha mostra de embarcacións

Dornas, botes, bucetas, traiñeiras, racús... Unha vintena de paneis forman a exposición Pequena guía de embarcacións tradicionais, que pode visitarse ata o vindeiro venres no colexio Sagrado Corazón de Praceres. A mostra, cedida pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), supón unha excelente oportunidade para que o alumnado do centro (preto de 700 escolares de Infantil e Primaria) coñeza ao detalle este tipo de embarcacións, pero tamén está aberta ao público en xeral.

"É unha actividade máis do proxecto de centro Escoita o corazón da nosa ría, no que traballan alumnos e profesores este curso escolar", explica o docente Pablo Carro. Ademais, coincide cos cen anos da existencia do edificio como centro educativo "neste marco incomparable que é a ría de Pontevedra".

Carro López explica que o centro traballa por proxectos e que o mar centra moitas das actividades organizadas. Así, destaca o paseo en kaiak, que está previsto repetir no terceiro trimestre, ou as xornadas de observacións de aves, nas que contan cun ornitólogo que ofrece unha charla previa ao avistamento. "Temos visto máis de 50 ou 60 especies", subliña.

GRAVACIÓN. O profesor sinala que as actividades, todas ligadas ao proxecto sobre a ría, se adaptan aos distintos niveis educativos para que todos poidan participar. Así, os máis pequenos elaboran paneis coas distintas especies mariñas que se atopan na ría, mentres que os alumnos de 3º e 4º de Primaria están a gravar a peza Mareas vivas de Lourizán, unha versión da famosa serie Mareas vivas da TVG (naquel caso, de Portozás), na que filman "á xente do mar, o seu traballo... Será como un capítulo da serie e mesmo sairá a confraría de mariscadores". Esperan repetir o éxito de Placeres míos, gravada o ano pasado.

Dentro do proxecto tamén esperan contar coa asociación poiense A Reiboa, para que se achegue coas súas embarcacións a Lourizán. Así mesmo, nestas actividade destaca a implicación das familias, que achegan a súa colaboración a través da súa profesión, xa sexan biólogos mariños ou mariscadores.

"Antes víanse máis embaracacións desde aquí", apunta Pablo Carro aludindo ao privilexiado emprazamento do colexio. Grazas á exposición "poderán ver o contraste entre o pasado e o presente, como por exemplo que antes se construían en madeira e agora de fibra". O horario da mostra é de 9.00 a 14.00, aínda que este mércores tamén está de 15.30 a 17.30.

Do rural pontevedrés, de Poio, Vilaboa...
Aínda que o colexio está pegado ao mar, no antigo palacio doado por Montero Ríos, unha gran porcentaxe do alumnado non ten raíces mariñas, senón que procede de parroquias do interior do municipio, como Campañó, Salcedo ou Tomeza, e doutros concellos como Poio e Vilaboa, apunta Carro.

sí mesmo, ademais das xornadas de portas abertas nesta época, o centro organiza visitas guiadas para quen queira coñecer o inmoble.

 

Dornas, bucetas e traiñeiras para escoitar o corazón da ría desde o...
Comentarios