Dous anos de cambio, equidade e servizos

O Goberno provincial chega ao ecuador do seu mandato cun balance positivo ►A presidenta, Carmela Silva, destaca os numerosos e grandes cambios levados a cabo
Carmela Silva, presidenta de la Deputación de Pontevedra
photo_camera Carmela Silva, presidenta de la Deputación de Pontevedra

Fai dous anos que o bipartito PSOE-BNG tomou posesión ao frente da Deputación de Pontevedra. O Goberno provincial chega, polo tanto, ao ecuador desta primeira lexislatura celebrando os cambios aplicados nestes 24 meses baixo o lema Máis equidade, máis servizos.

A presidenta provincial, Carmela Silva, considera que a palabra que define estes dous anos de goberno é "cambio" e analizou as profundas reformas que fixeron desde que tomaron o mando da Deputación.

Plan Concellos: É un dos alicerces da Deputación, con 67,7 millóns de euros adicados aos concellos (case o 40% do orzamento para 2017)

"En soamente dous anos cambiamos radicalmente a forma de gobernar. Cambio na toma de decisións: do presidencialismo do anterior goberno a unha dirección compartida, colaborativa, que analiza, define e decide a través do diálogo e o acordo. Cambio na xestión: pasamos dun modelo escurantista, irregular, partidista, pouco equitativo, a unha xestión baseada na transparencia, na participación, na escoita activa ao conxunto da sociedade, a derrubar os privilexios e a respectar a autonomía dos concellos. Cambio no modelo político: cambio total en todas as áreas do goberno, con novas ideas, novos proxectos, novas accións, novas prioridades, buscando o beneficio da provincia e non o dun goberno ou un partido. Cambio na actitude fronte ás demandas do conxunto dos colectivos sociais, culturais, deportivos... Fronte a decisións arbitrarias, este goberno regula a súa acción a través de medidas xustas, con criterios obxectivos e con bases transparentes; rematou a libre disposición da presidencia, que evidenciaba un modelo clientelar de goberno. Cambio nas finalidades que se perseguen. O anterior goberno tiña como grande obxectivo manter o poder, sen un proxecto para a provincia. Este goberno quere construír, xunto coa cidadanía e o conxunto dos concellos, unha provincia dinámica, emprendedora, sostible, construída para as persoas, con capacidade para xerar riqueza e distribuíla dunha forma xusta. Unha provincia que, mantendo a nosa cultura, a nosa autenticidade, poida construír presente e futuro", sinalou Carmela Silva durante o discurso que ofreceu no acto para facer balance destes dous anos de goberno.

CAMBIOS. A presidenta da Deputación quiso rendir contas á cidadanía sobre os alicerces da acción do seu equipo de traballo, nos que destacan o Plan Concellos, os préstamos sen xuros, a administración electrónica, a asistencia ás necesidades dos concellos, a sustentabilidade do Medio Natural, a compostaxe (co Plan Revitaliza), o emprego e a actividade económica, a investigación, as axudas a montes, a igualdade, a cohesión social e a xuventude, a mobilidade, o turismo, a cultura e a lingua, os deportes, a cooperación tranfronteiriza e os proxectos europeos. Carmela Silva destacou o cambio de imaxe que fixeron na Deputación. Segundo dixo, a cidadanía percibíaa como "arbitraria, rancia, decadente, que só atendía intereses partidistas e onde había dúas portas, unha sempre aberta para os amigos… e outra pechada para os que non o eran". Ademáis, engadíu que "en dous anos lle devolvemos a decencia e a limpeza a esta Deputación. Saímos fóra das páxinas de sucesos".

Imaxe: Carmela Silva destacou o cambio de imaxe do organismo provincial e a recuperación da súa seriedade e dignidade

Tamén recalcou que devolvéronlle "a seriedade e a dignidade porque reconquistamos bandeiras que aquí nunca existiran: a da igualdade, a da loita contra a violencia machista, a do medio ambiente, a da sustentabilidade, a da cultura, a bandeira da memoria, a dos dereitos civís, a dos colectivos máis vulnerables…" e sinalou a importancia de devolver o protagonismo aos concellos, "a todos, sen arbitrariedades, sen ‘colegueos’ e con equidade". Carmela Silva agradeceu á cidadanía a súa colaboración e tamén as críticas e suxestións, porque axudan a mellorar o traballo que se fai cada día. Neste sentido, lembrouse dos funcionarios e os empregados do organismo, polo seu compromiso e dedicación, así como das alcaldesas e alcaldeses dos diferentes concellos que colaboran no desenvolvemento dun proxecto común para toda a provincia.

Comentarios