Detidos dous homes en Pontevedra por senllos delitos de violencia machista

Unha das mulleres agredidas  presentaba lesións na boca, cabeza e perna dereita, así como rascaduras por todo o corpo
Dos agentes de la Policía Local de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Dos agentes de la Policía Local de Pontevedra. RAFA FARIÑA

A Policía Local de Pontevedra procedeu á detención de dous homes, na pasada fin de semana, por presuntos delitos contra a violencia de xénero en dous episodios distintos.

O primeiro ocorreu o pasado venres 16 de abril, ás 20.50h, cando un axente do grupo de protección de vítimas de violencia de xénero da Policía Local de Pontevedra, recibe a chamada dunha muller con orde de protección da súa parella actual, e que manifesta que fora agredida pola súa parella en Poio, lugar no que se atopaba neses momentos. De inmediato, en compañía dunha patrulla da Policía Local de Pontevedra e outra de Poio, desprázanse ata o lugar sen que se puidese localizar ao agresor e si á vítima, moi alterada e nerviosa, presentando marcas vermellas na fazula esquerda. A vítima manifestou que fora agredida cunha labazada na cara e que fora perseguida.

Ante os feitos, e unha vez que esta persoa é trasladada ao seu domicilio, a Policía Local de Pontevedra dispuxo un operativo de vixilancia sobre o domicilio. Ese mesmo día e sobre as 22.20 horas, axentes da Policía Local de Pontevedra proceden á detención do presunto agresor, un home de 35 anos de idade.

A segunda detención produciuse na madruga do venres a sábado, ás 0.45 horas. Neste caso, unha testemuña require presencia policial nun centro hostaleiro nos arredores de Pontevedra ao escoitar berros e unha forte discusión entre unha parella.

Cando a patrulla chega ao lugar, os axentes observan desorde na zona de recepción do hotel por motivo da discusión. Entrevistados coa vítima, esta confirma que tivera unha forte discusión coa súa parella e que golpeara diversos obxectos que se atopaban na habitación e, segundo manifestou, en ningún momento chegou a a agredila. Os axentes observan como esta muller presentaba lesións na boca, cabeza e perna dereita, así como rascaduras por todo o corpo. Na habitación tamén se atopaba un menor de cinco meses.

Ante os feitos, os axentes municipais procederon á detención do presunto agresor, un home de 30 anos de idade.