Dous docentes do campus, no ranking de investigadores da Universidade de Standford

Adolfo Cordero (Forestais) e Carlos Lago (Ciencias do Deporte) figuran entre o 2% de científicos máis citados do mundo
Adolfo Cordero y Carlos Lago. ADP
photo_camera Adolfo Cordero y Carlos Lago. ADP
Vintenove investigadores da Universidade de Vigo forman parte do 2% de científicos máis citados do mundo, segundo se pode extraer da máis recente actualización do ránking elaborado pola Universidade de Stanford, que reúne nunha base de datos aos 186.000 científicos e científicas máis influentes en 22 campos e 176 "subcampos". segundo informou onte o Duvi, o catedrático David Posada sitúase un ano máis á fronte da representación da UVigo neste listado, no que figura entre os 700 investigadores citados no mundo, sendo tamén o décimo máis referenciado no campo da Bioloxía Evolutiva e o primeiro en España neste eido.

Así mesmo, destacan dous catedráticos do campus de Pontevedra. Trátase de Adolfo Cordero, profesor da Escola de Enxeñería Forestal, que se atopa entre os 400 investigadores máis referenciados en Entomoloxía, e de Carlos Lago, docente en Ciencias do Deporte, que forma parte dos 250 científicos do mundo máis citados no seu eido e que, ademais, en 2020 volveu ser o investigador español máis citado.

Elaborada por John P. A. Ioannidis, da Stanford University, xunto con Kevin W. Boyack, de SciTech Strategies, e Jeroen Bass, de Elsevier, esta base de datos ten como obxectivo proporcionar "información estandarizada" sobre o número de citas, a partires dun indicador creado para este proxecto e co que establecen dúas clasificacións de investigadores e investigadoras, tendo en conta ou non as autocitas a traballos previos. A súa última actualización, publicada recentemente por Plos Biology, sitúa 29 investigadores e investigadoras da UVigo entre os máis citados do mundo ao longo da súa traxectoria e un total de 36 no que referido á produción científica no ano 2020.

A MAIORÍA, DE VIGO. A maioría deles pertencen a centros de investigación do campus de Vigo. Con 158 publicacións, ás que se fixo referencia en 64.416 artigos entre 1996 e 2020, o investigador do Cinbio David Posada encabeza a representación da UVigo nesta listaxe, sendo o décimo investigador do mundo e o primeiro de España no campo da Bioloxía Evolutiva, no que o investigador do CIM-UVigo (Centro de Investigación Mariña) Armando Caballero é o cuarto autor español máis citado e o 456 do mundo.

Tras ser seleccionado no programa de captación de talento HCR da UVigo 2020, o investigador chinés Jianbo Xiao convértese no segundo investigador máis destacado da institución neste ránking, situándose no posto 113 no campo de Ciencia dos Alimentos, ámbito no que o catedrático Jesús Simal Gándara ocupa o posto 232 do mundo e Herminia Domínguez o 373. A investigadora do Cinbio Isabel Pastoriza volve ser, por outra banda, a científica máis destacada da UVigo neste ránking, situándose entre as 900 máis citadas no ámbito da Nanociencia e Nanotecnoloxía, no que tamén figura Jorge Pérez Juste.

O investigador do Cinbio Juan Carlos Parajo ocupa o posto 138 no apartado de Biotecnoloxía.