Dous fillos do carballo de Santa Margarida no campus

Anacos das súas pólas formarán parte da xiloteca da Escola de Enxeñaría Forestal
Foto de familia das e dos participantes no acto de onte na Escola de Forestais. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Foto de familia das e dos participantes no acto deste xoves na Escola de Forestais. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Con máis de 500 anos de historia e situado na parroquia pontevedresa de Mourente, o carballo de Santa Margarida é un dos sete candidatos para representar a España na elección da Árbore Europea do Ano 2023, grazas á candidatura impulsada pola Asociación Cultural do Sentir do Carballo de Santa Margarida, xunto co IES Luis Seoane. 

Coincidindo co período de votación, representantes deste instituto visitaron este xoves a Escola de Enxeñaría Forestal, á que doaron unha serie de pezas procedentes dunha das pólas desta árbore centenaria. Así mesmo, este centro educativo tamén doou á Universidade dous "fillos do carballo", dúas árbores nacidas hai un ano a partir das súas landras e que, pasado un tempo nun viveiro, pasarán a formar parte do arboreto do campus pontevedrés. 

A vicerreitora do campus, Eva Lantarón; a subdirectora da EE Forestal, Ángeles Cancela, e o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, participaron neste acto de entrega, xunto a Carlos García, director do IES Luis Seoane; María Xosé Dourado, vicedirectora; Isabel Panadero, responsable do Club de Ciencias deste instituto, e un grupo de alumnas de 3º e 4º da ESO. 

Por unha banda, o IES Luis Seoane doou á Universidade dúas plantas nacidas o pasado ano de landras desta árbore que levan o nome de Carolo e Xoeira, como explicaron as alumnas deste instituto, que, xunto á asociación, desenvolve en torno ao carballo un "proxecto sostible e circular", Escrita con Zume, que engloba un conxunto de actividades educativas en diferentes áreas. De feito, os dous exemplares entregáronse acompañados duns carteis feitos cunha tinta realizada a partir de bugallos da árbore, xunto cun texto que explica a orixe dos seus nomes, xurdidos da compilación de expresións en galego que frei Martín Sarmiento realizou no século XVIII. 

Estas dúas plantas "manteranse un tempo nun viveiro co propósito de que crezan e de darlles un pouco de robustez e despois serán plantadas no campus e poderemos dicir que temos dous fillos do carballo de Santa Margarida, que é historia viva", salientou Lantarón. A vicerreitora puxo en valor o proxecto que desenvolven no instituto de Monte Porreiro en torno a unha árbore "que forma parte da historia do noso país". De feito, lembrou que "a lenda sobre a carballeira" da que formaba parte di que as súas árbores serviron para construír a Santa María, unha das carabelas da viaxe de Colón a América. 

A EE Forestal recibiu neste acto unha serie de pezas procedentes dunha póla que o carballo perdeu o pasado verán e que pasarán a formar parte da xiloteca do centro.

Comentarios