Dous novos equipos radiocirúrxicos para Montecelo

Cada unidade, valorada en 90.000 euros, permitirá un mellor seguimento e control en distintos tipos de intervencións no hospital
Os equipos radiocirúrxicos en Montecelo. CONSELLERÍA DE SANIDADE
photo_camera Os equipos radiocirúrxicos en Montecelo. CONSELLERÍA DE SANIDADE

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés vén de incorporar dous novos equipos radiocirúrxicos, neste caso para o Hospital de Montecelo. Esta nova tecnoloxía supón a chegada ó Complexo Hospitalario de Pontevedra das últimas ferramentas en materia de diagnósitco e tratamento coas doses máis baixas, mellorando os procedementos cirúrxicos para maior seguridade dos pacientes.

Cun custo de 90.000 euros cada unidade, estes equipos veñen a renovar o aparataxe existente no bloque cirúxico de Montecelo e vinculado ó seguimento e control en intervencións de cirurxía xeral, ortopedia, traumatoloxía ou uroloxía, entre outros. Os novos equipos, de última xeración, proporcionarán unha mellora na calidade das imaxes, así como a capacidade de integración das imaxes e das doses impartidas.

A adquisición deste equipamento é susceptible de financiamento ó 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia do covid-19.

Incluído dentro do Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario para 2021 da Xunta de Galicia, estes equipos veñen a dar continuidade ás renovacións integrais dos bloques cirúxicos e dos equipamos de alta tecnoloxía para o diagnóstico por parte da institución autonómica, cun orzamento de 60 millóns de euros. Dentro deste plan xa se acometeron este ano outras dúas licitacións: a adquisición de sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci para todas as áreas sanitarias de Galicia, cun custo de 20,5 millóns de euros e a subministración de 48 ecógrafos con destino ós Servizos de Radiodiagnóstico de diversos centros sanitarios, cunha inversión de 5,6 millóns de euros.

Comentarios