Dous proxectos do Carlos Oroza e o Luís Seoane, seleccionados en Eduemprende

Un hotel minimalista e ecolóxico e unha panadería de produtos sen glute son as iniciativas presentadas por dous equipos
Algunos alumnos del Carlos Oroza. RAFA FARIÑA (ADP)
photo_camera Algúns alumnos do Carlos Oroza. RAFA FARIÑA (ADP)
Dous proxectos de empresa presentados por cadanseu equipo de estudantes do CIFP Carlos Oroza e do IES Luís Seoane veñen de ser admitidos no concurso Eduemprende Idea 2021, unha iniciativa da Consellería de Educación que ten como obxectivo fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado de FP a través da elaboración de proxectos empresariais concretos.

En total foron seleccionados 19 proxectos, nove deles na provincia de Pontevedra. Premiarase aos tres mellores de cada modalidade, unha dirixida a ciclos de grao superior e outra a ciclos de grao medio. O galardón consistirá na incorporación a un viveiro de empresa da Consellería, no asesoramento técnico do Igape e nunha dotación económica de 3.000, 2.000 e 1.000 euros, respectivamente.

No caso das iniciativas pontevedresas as dúas foron presentadas por alumnado de ciclo superior.

Daniel Centeno e Nuria Juncal, pontevedreses de 27 anos, e Inés Medrano, de Samieira (Poio) e 24 anos, son estudantes de 2º do CS de Xestión de Aloxamentos Turísticos do CIFP Carlos Oroza e autores de Roof Garden: el minimalismo eco-friendly. "Consiste en la creación de un hotel ecológico y minimalista, cien por cien sostenible", que, entre outras cousas, explica Inés, "funcione con energía solar y pueda prescindir del aire acondicionado, pues cuenta con ventanas inteligentes".

Con estas premisas sería "cero perjudicial para el medio ambiente". O hotel, de 80 habitacións, estaría emprazado en Vigo, preto do aeroporto, pois está orientado ao sector "de los negocios y las reuniones de empresa y también serviría para el descanso y la desconexión".

PARA CELÍACOS. Unha panadería que fabrique e venda exclusivamente produtos sen glute é o obxectivo que plasman no seu proxecto Alexandra Leboso (Cotobade, 1999) e Nerea Rosende (Caldas de Reis, 1998), alumnas de 2º do CS de Administración e Finanzas do IES Luís Seoane.

O seu nome é Celicienta e trátase dunha idea "pensada para Pontevedra", concretamente para un local da praza de Barcelos, que contaría cun obrador para elaborar os produtos para persoas con celiaquía e un despacho para atender ao público. O proxecto, que promete "precios asequibles", vén respaldado por "análisis contables" e inclúe a creación de 14 postos de traballo, sumados aos das dúas emprendedoras, explican elas mesmas nun vídeo de presentación.

Elena Iravedra, coordinadora do viveiro de empresas, explica que no estudo de mercado tamén se tivo en conta a situación de Pontevedra no Camiño de Santiago e a existencia de restaurantes futuros clientes. A clave está en que os produtos sen glute teñen que elaborarse en obradores e fornos exclusivos.

Comentarios