Dúas alumnas do CEIP A Xunqueira I gañan o concurso 'Andersen en cómic' en Galicia

Un grupo de sete estudantes de ESO do IEs Carlos Casares de Vigo completan o palmarés ▶ Os premios entregaranse hoxe no colexio

Traballo elaborado por Mara Freire Carracedo, de oito anos. CEDIDA
photo_camera Traballo elaborado por Mara Freire Carracedo, de oito anos. CEDIDA

Dúas escolares do CEIP A Xunqueira I resultaron gañadoras, en cadansúa categoría, do concurso Andersen en cómic, convocado pola Oepli (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) para alumnado de Primaria e Secundaria de toda Galicia con motivo do Día Internacional do Libro Infantil.

Trátase de Mara Freire Carracedo, de oito anos e alumna de segundo de Primaria (Primeiros lectores) e de Sandra Paola Lozano Justo, de dez anos e que cursa cuarto (Lectores Avanzados).

O palmarés complétase cun grupo de estudantes de primeiro de ESO (13 anos) do IES Carlos Casares de Vigo: Carlota Salgado García, Noemí Collazo Rodríguez, Lucía Domínguez Pérez, Raisa Rodríguez Pérez, Lucía Covelo Pereira, Álex Pais Costas, Pablo Fernández Abalde. Os escolares tiñan que escoller un conto de Andersen que xa leran e transformalo en formato cómic. Participaron a través dos seus centros de ensino.

O acto de entrega dos galardóns terá lugar esta mañá no citado colexio pontevedrés e está prevista a asistencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da concelleira de Educación e Cultura, Carmen Fouces, e do presidente de Gálix, Xosé A. Perozo.

Obra de Sandra Paola Lozano, de dez anos. CEDIDA
Obra de Sandra Paola Lozano, de dez anos. CEDIDA
 

O certame está convocado pola OEPLI a través das súas seccións: Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), Consejo General del Libro, Consell Català del Llibre Infantil i Juvenil e Galtzagorri Elkartea, co patrocinio do Ministerio de Educación.

En 1967 celebrábase por primeira vez o Día Internacional do Libro Infantil, promovido polas 62 secciones que a IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil) tiña nese momento, difundindo unha mensaxe, dirixida a toda a rapazada do mundo, escrito pola súa fundadora Jella Lepman.

SATISFACCIÓN. En 1982 naceu a Oepli e en 1989 Gálix.  Desde a constitución destas dúas organizacións e as súas homólogas Consejo General del Libro (que engloba as comunidades en lingua castelá), ClijCat, en Cataluña, e Galtzagorri, no País Vasco, empezouse a distribuír a versión do cartel e da mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil nas catro linguas do Estado e a organizar actividades de diversa natureza.

O fallo do certame encheu de ledicia ao CEIP A Xunqueira I. A súa directora, Susana Diéguez, explicou que "é un recoñecemento, pois sempre estamos apoiando a lectura e a escritura" e "unha satisfacción que consigamos un premio a nivel de Galicia". A idea de participar xurdíu a través dun certame artístico-literario que se organiza cada ano no colexio en colaboración coa ANPA.

Comentarios