Dúas astronautas no Valle-Inclán

O Concello inicia a promoción da nova edición de Noites Abertas cun orixinal reparto de folletos informativos nos institutos ► O programa de ocio xuvenil comeza este venres
Dúas astronautas promocionaron onte a nova edición de Noites Abertas cun reparto de folletos diante do IES Valle-Inclán. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Dúas astronautas promocionaron o luns a nova edición de Noites Abertas cun reparto de folletos diante do IES Valle-Inclán. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O IES Valle-Inclán converteuse o luns nunha especie de estación espacial. Aproveitando a hora do recreo, o Concello iniciou a promoción da nova edición de Noites Abertas cun orixinal reparto de folletos. Dúas astronautas encargáronse de distribuír entre o alumnado do instituto a información sobre o programa de ocio xuvenil, que comeza este mesmo venres.

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, tamén participou nesta especie de performance, que chamou a atención do estudantado e tamén dos curiosos que observaron ás dúas astronautas en acción.

Os traxes elixidos non foron casualidade. Facían referencia á nova imaxe da campaña de Noites Abertas, que representa a unha cosmonauta, á cadela Laika (o primeiro animal en viaxar ao espazo exterior) e outros motivos espaciais. O deseño é obra de Culebra Studio.

O programa deste ano desenvolverase durante oito fins de semana, ata o vindeiro 1 de abril. Haberá 150 sesións distintas para a mocidade de entre 12 e 30 anos, con actividades de balde e de todo tipo. Entre as novidades desta edición, a primeira sen restricións dende que se declarara a pandemia do coronavirus, hai un Escape Room que ten como obxectivo descubrir os misterios do antigo convento de Santa Clara; obradoiros de realidade virtual e videoxogo a través do colectivo Gaming Troop; pintura de miniaturas e wargames grazas á asociación Rotting Pizza, de recente creación; un speed dating de música ou unha ruta lila polas Pontevedra das represaliadas.

As actividades de xaneiro poden consultarse en noitesabertas.gal.

Comentarios