Dúas de cada tres viviendas do rural pontevedrés xa teñen composteiro individual

O Concello realizará unha campaña de sensibilización sobre as diferentes modalidades de compostaxe con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente
Composteiro individual. DP
photo_camera Composteiro individual. DP

Dúas de cada tres vivendas do rural do concello de Pontevedra empregan composteiros individuais. Quedan fóra deste cómputo A Canicouva, Ponte Sampaio e Lourizán nas que aínda non se comezou. No resto das parroquias xa foron repartidos un total de 3.444 composteiros individuais o que, segundo o concelleiro responsable da xestión de residuos, Raimundo González, "é un resultado espectacular" e ademais "denota un compromiso máis que evidente dos veciños e veciñas de Pontevedra con respecto ao medio ambiente e á compostaxe".

Raimundo González fixo públicos os datos relativos ao reparto de composteiros individuais, no marco da presentación das actividades a pé de rúa que o Concello realizará con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora o 5 de xuño. En concreto, instalarase unha carpa na praza da Peregrina os venres 28 de maio e 4 e 11 de xuño, en horario de 11:30h a 14h e de 17h a 20h, onde se ofecerá información sobre as distintas modalidades de tratamento de residuos domésticos, tanto a través da compostaxe individual como da comunitaria e do Plan Composta (colector marrón). Nesta carpa, ás persoas interesadas tamén se lles entregará un saquiño de compost e unha planta aromática de uso culinairo (albahaca, hortelá, romeu, menta, salvia, ourego, coandro, melisa, lavanda, santolina ou tomiño). O obxectivo desta acción, segundo explicou o concelleiro é "recuperar a relación directa coa cidadanía" para divulgar e difundir estas modalidades de tratamento de residuos orgánicos.

No relativo ao balance do despregue de composteiros individuais no rural, insistiu en que “vai funcionando máis que ben debido ao compromiso dos veciños e das veciñas”, a pesares de que ten carácter voluntario, de que en tres parroquias aínda non se puido comezar co reparto e mesmo dos inconvenientes derivados da pandemia.

Explicou que das 8.000 casas contabilizadas no rural, entre un 15% e un 20% non están habitadas por diferentes casuísticas, o que sitúa en aproximadamente 6.400 vivendas a cifra obxectivo en relación ao reparto. Tras axustar a cifra de vivendas e con 3.444 composteiros xa repartidos, Raimundo González situou en "case dúas de cada tres" as vivendas que se sumaron á compostaxe. "Estamos falando dunha porcentaxe importante de aceptación e isto non se debe dar en ningún outro concello Galiza" asegurou, ao tempo que engadiou que "isto que facemos aquí, repartir de forma universal e porta a porta, posiblemente en todo o Estado teñamos o caso único de Pontevedra".

Neste sentido lembrou que "no futuro, e xa incluso legalmente, a compostaxe vai ter carácter universal, polo tanto vai ter que tela todo o mundo e, neste momento, en Pontevedra xa levamos moitísimos pasos dados".

Na folla de ruta do Concello para avanzar neste ámbito, Raimundo González sinalou que tras o despregue de composteiros individuais no rural, realizarase un reparto nas vivendas unifamiliares da periferia urbana, ao que hai que engadirlle os centros de compostaxe comunitario que se instalarán proximamente na cidade, e o incremento paulatino de domicilios adheridos ao Plan Composta que neste momento se sitúa preto dos 2.000.