Dúas empresas compiten pola instalación do alumeado de Nadal de Pontevedra

O orzamento ascende a 140.000 euros ► Os do Entroido e as festas de verán de 2021, a 60.000 euros
Pontevedreses paseando junto a la iluminación navideña. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Alumeado de Nadal en Pontevedra no ano 2018. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra reuniuse esta semana para abrir as ofertas presentadas para instalar a iluminación de Festas de Nadal 2020, e tamén as de Entroido e festas de verán 2021. Foron dúas as empresas que se presentaron a este concurso público que ten un orzamento de 200.000 euros.

As empresas son Creaciones Luminosas S.L., radicada en Tui e que presentou oferta para os 3 lotes da licitación, e Porgesa S.A, con sede en Puente Genil, Córdoba, que presentou oferta para os dous primeiros lotes.

O orzamento de contratación ascende a 200.000 euros divididos en tres lotes. O primeiro corresponde ao alumeado de Nadal de 140.000 euros, o segundo é o de Entroido con 20.000 euros, e o terceiro corresponde ás festas de verán con 40.000 euros. Este orzamento increméntase ao respecto da anterior anualidade en 25.000 euros destinado á iluminación de Nadal.

A concelleira de Festas, Carme da Silva, encargada do contrato, xa explicou no momento do inicio do proceso de contratación que “este ano é importante reforzar o alumeado de Nadal como apoio tanto ao ambiente festivo como ao comercio local e á economía local, pero sen esaxerar e sen que converta nun problema ambiental".

Ao respecto do lote de Nadal, está previsto a instalación de rótulos luminosos nos accesos á cidade e arcos nas rúas: Oliva, Benito Corbal, Santa Clara, Cobián Roffignac, Paseo Colón, Daniel de la Sota, Echegaray, Estribela, Fondevila, A Seca, García Camba, Joaquín Costa, Loureiro Crespo, Avenida de Lugo, Riestra, Marquesa, Michelena, Monte Porreiro, Peregrina, Ponte Sampaio, Rosalía de Castro, Sagasta, Virxe do Camiño, Gutiérrez Mellado e Frei Xoán de Navarrete. Tamén se iluminarán os farois nas rúas Alameda, Santa Clara, San Antoniño, Glorieta de Compostela, Ferrería, Cobián Areal, Uxío Novoneira, Joaquín Costa, Glorieta de Loureiro Crespo, praza de Ourense, San Roque, avenida de Vigo, Eduardo Pondal, María Victoria Moreno, Xeneral Rubín, praza de España, Doce de novembro, Fernando Olmedo, Josefina Arruti, Estación, Estrada, Xoán Carlos I, Barcelos.

Así mesmo, o contrato inclúe outros motivos de iluminación e decoración de Nadal como o alumeado dos camelios da Praza de Ourense, a iluminación dunha árbore na praza de España, a fachada do edificio de bombeiros e o camión escaleira para a cabalgata, unha árbore artificial de 20 metros na praza da Ferraría e unha segunda árbore luminosa de 10 metros nun punto onde elixir; e 3 bolas de 4 metros de alto con ubicacións por decidir.

Ao respecto da iluminación do Entroido 2021, está previsto rótulos en Loureiro Crespo e arcos nas rúas Benito Corbal, Curros Enríquez, Verdura, Praza de España, Loureiro Crespo e Michelena. E outros rótulos na Ferraría e praza de Ourense.

Sobre as festas de verán 2021, están previstos arcos e outros motivos luminosos no barrio do Burgo, pontes de Santiago e do Burgo e Recinto Feiral, avenida de Lugo, Rosalía de Castro, avenida de Vigo, Paseo Colón, Alameda, Benito Corbal, Cobián Roffignac, Daniel de la Sota, Praza de España, García Camba, Loureiro Crespo, Riestra, Marquesa, Michelena, Montero Ríos, Peregrina, Rosalía de Castro, Gutiérrez Mellado, César Boente, Don Gonzalo, Méndez Núñez, Cruz Gallástegui, Castelao, San Roque.