Miércoles. 20.06.2018 |
El tiempo
Miércoles. 20.06.2018
El tiempo

As dúbidas sobre a titularidade do Ceip Vidal Portela fan perigar a súa reforma

Cores Tourís e Pérez Ares visitaron o centro xusto ao director do Ceip Vidal Portela e un técnico da Consellería. CEDIDA
Cores Tourís e Pérez Ares visitaron o centro xusto ao director do Ceip Vidal Portela e un técnico da Consellería. CEDIDA

Educación agarda coñecer este ano a propiedade do edificio e a resolución de Costas sobre o seu futuro ▶ Polo momento acondicionaranse os aseos do alumnado da escola de adultos

As dúbidas sobre a titularidade do edificio que alberga o Ceip Manuel Vidal Portela e a escola de adultos Epapu Río Lérez na avenida de Bos Aires fan perigar a "profunda reforma" que a Consellería de Educación ten en mente acometer a medio prazo.

O xefe territorial, César Pérez Ares, sinalou este martes que agarda que ao longo deste ano se poida resolver esta situacion, ademais de recibir por parte do Concello o informe que confirme, segundo o esperado, que o inmoble pode seguir en pé unha vez caducada a concesión que vencía "en 2018 ou 2019", xa que se atopa en solo afectado pola Ley de Costas. Esta situación resolveuse favorablemente noutros casos similares en Sanxenxo ou Vilaboa.

"Unha vez que teñamos claro de quen é esta propiedade, queremos facer unha reforma integral do centro –sinalou Pérez Ares–. Non sabemos se é do Concello ou da Universidade, porque foi a antiga sede da Escola de Maxisterio".

Os servizos técnicos están analizando a documentación remitida polo Concello e pola UVigo, polo que de momento non hai prazos. "A ver se este ano podemos aclarar esta situación. O ideal sería que se convertera nun centro propio se é da Consellería de Educación para facer a reforma integral en varias fases".

A mellora dos baños da EPA Río Lérez contará cun orzamento de 50.000 euros e acometerase ao longo deste ano

De momento só é "unha idea de cara ao futuro sempre e cando a propiedade quede perfectamente discernida. De nada serviría facer algo que se vise afectado pola liña de Costas", apuntou o xefe territorial, quen visitou o Vidal Portela xunto ao delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Deste xeito, de momento continúan acometéndose obras de menor envergadura. Tourís explicou que "Educación é consciente do estado deficiente dalgúns dos aseos deste centro, polo que estamos a redactar un proxecto para que se poidan executar este mesmo ano as obras de mellora dos baños que o necesitan, cun orzamento previsto que roldará os 50.000 euros". Esta actuación afectará aos aseos da escola de adultos, e non aos do colexio de Infantil e Primaria, que foron reformados "hai oito ou nove anos". Así mesmo, tamén viron o resultado da "importante reforma da instalación eléctrica, que era moi necesaria", segundo apuntou o director do Ceip, Arsenio Núñez. "Foi un grande investimento e con el solucionáronse moitos problemas que tiñamos a diario".

A Consellería lembrou que neste centro investíronse máis de 145.000 euros destinados a distintas melloras, como reparación de dinteis e xambeados na fachada, reforma da aula de Informática ou da iluminación, así como a instalación dunha praca que cubre o antigo escudo da época franquista. Cores Tourís aproveitou a visita para comprobar a reforma da instalación eléctrica efectuada o ano pasado, por un montante de 33.000 euros, e que permitiu mellorar "en gran medida" o estado do centro educativo. Educación leva investidos máis de 7,3 millóns de euros nos centros de Primaria e Secundaria da cidade de Pontevedra nos últimos anos.

As dúbidas sobre a titularidade do Ceip Vidal Portela fan perigar a...