A Boa Vila cumpre medio século celebrando o Día da Muiñeira. Por este motivo a Asociación Duos Pontes está a idear unha programación especial coa que ademais quere recuperar as actividades previas ó Día da Muiñeira que se deixaron de facer no ano da pandemia. Faladoiros arredor da cultura tradicional, unha exhibición de palillos e unha exposición son algunhas das propostas que están a tratar os integrantes desta agrupación que traballa polo folclore cultural.
"Por unha banda, queremos manter o Día da Muiñeira que este ano temos previsto celebrar o venres 2 de xuño, coa estrutura de sempre, concentración de grupos e actuacións en Montero Ríos", explica o presidente, Alfonso Frieiro Novoa. "Ademais, o sábado anterior faremos unha palillada na rúa, para amosar a arte do palillo e antes da pandemia faciamos algunha conferencia. Queremos retomar toda a programación previa este ano", subliña o voceiro de Duos Pontes que, entre outras actividades, estudan organizar unha exposición que amose a historia do Día da Muiñeira e a do propio colectivo cultural.
Arredor de sesenta persoas compoñen a gran familia de Duos Pontes, que procede dos Coros provinciais, constituídos en 1942, polo que esta agrupación cultural vén de cumprir 80 anos. Posteriormente, no ano 1982 formalizouse como asociación cultural e no 2002 consolidou o seu nome actual.
Duos Pontes promove as escolas anuais de folclore tradicional, nas que se imparten clases de gaita, pandeireta, canto e encaixe de boliños. Entre os seus asociados hai nenos e nenas de catro anos e os máis veteranos xa cumpriron os 65. "Temos clase todo o ano e sempre que podemos participamos co Concello coas nosas danzas".
Ademais, a agrupación leva vinte anos colaborando na Feira Franca, recreando pezas medievais do século XV, que é onde se ambienta a festa cada primeira fin de semana de setembro.