"É necesario poñer a terra a producir para evitar que Galicia acabe sendo un deserto verde e negro"

MESA DE DEBATE ▶ O director xeral da Agader, Miguel Pérez Dubois, explica o proxecto da Xunta para poñer a producir os terreos abandoados do rural nun debate co alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez, e o responsable de Bio Coren, Ernesto Sánchez

Sánchez Salgado, Miguel Domínguez y Pérez Dubois durante el debate desarrollado esta semana en Diario de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Sánchez Salgado, Miguel Domínguez y Pérez Dubois durante el debate desarrollado esta semana en Diario de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Reducir o número de terreos abandonados en Galicia e mobilizalos para poñelos a producir. Esta é a fórmula coa que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), organismo dependente da Consellería de Medio Rural, busca a dinamización económica e social do agro, fixar poboación e, ao mesmo tempo, contribuír á prevención e loita contra os incendios forestais. Con este obxectivo, os Orzamentos da comunidade autónoma para 2009 contemplan un investimento de 2,7 millóns de euros para a realización de distintos proxectos tendentes a "rescatar" a produción nas fincas.

"Queremos que as terras deixen de ser un problema para os propietarios que non se dedican a este sector da economía. Loitar contra o abandono das leiras tamén implica facelo contra a propagación dos incendios forestais porque as terras cultivadas arden mal", sinalou o director xeral da Agader, Miguel Pérez Dubois, nun café de redacción organizado por Diario de Pontevedra no que tamén participaron o alcalde da Cañiza, Miguel Domínguez Alfonso, e o responsable de Producións Ecolóxicas Bio Coren, Ernesto Sánchez Salgado.

"O 93% de Galicia é rural, e non podemos permitir que acabe sendo un deserto verde nin ás veces negro por causa dos incendios forestais", indica Pérez Dubois, ao mesmo tempo que fixa o contexto do problema que ten esta comunidade para sacar rendibilidade aos predios. "Esta comunidade ten o 6% da superficie agraria de España, cun 28% de parcelas rústicas (11,1 millóns). A provincia da Coruña ten o mesmo número de predios rústicos que Andalucía (2,7 millóns) e a provincia de Ourense ten 900.000 máis, que é case como Andalucía e gran parte de Extremadura. Neste contexto do minifundio das terras, a posta en cultivo das leiras é inviable".

Destexeito, as políticas da Consellería do Medio Rural para loitar contra este problema pasan,en primeiro lugar, por impulsar a concentración parcelaria. "Levamos 500.000 hectáreas concentradas ou a piques de rematalas e máis de mil zonas de concentración", explica o director xeral da Agader, ao mesmo tempo que matiza que non só a concentración parcelaria é a ferramenta para acadar o obxectivo de loitar contra o abandono do rural. Ademais, a través da Lei de Mobilidade da Terra de 2011, a Administración galega está desenvolvendo una serie de iniciativas piloto para mobilizar novas parcelas que están abandonadas, tanto en zonas de concentración como fóra de elas.

O proceso de investigación para atopar aos donos das leiras abandonadas é o primeiro paso. "En zonas de concentración parcelaria é máis doado dar cos donos, cos que falamos para recordarlles que o seu deber é ter as terras limpas e, se non poden atendelas, que saiban que ou ben poden cederllas a un terceiro para que as poña en funcionamento ou ben incorporalas ao Banco de Terras de Galicia, dependente da Consellería de Medio Rural, para que poidan ser arrendadas por calquera outro propietario, empresa ou explotación agraria".

O director xeral de Agader engade que, "en termos xerais, a xente é bastante favorable aos proxectos de mobilización da terra por dúas razóns: primeiro, porque lles evita ter que limpar as súas fincas e poñelas en produción e, en segundo lugar, porque van recibir unha renda. A xente vai entendendo que é necesario apostar por este tipo de iniciativas".

O CASO DA CAÑIZA. O concello da Cañiza, igual que case todos os municipios galegos, sofre o minifundismo. O seu alcalde, Miguel Domínguez, explica que «temos terreos en estado de abandono con titulares descoñecidos. Hai días que se rexistran 15 denuncias pola maleza que invade as fincas e que conleva un arduo traballo de investigación para coñecer quen son os propietarios. De momento non se está multando a ninguén, pero vai chegar un momento no que si o faremos". Por iso, considera que as iniciativas como as que impulsa a Agader para mobilizar as leiras "van funcionar cando se lle expliquen ben á xente porque todas son vantaxas: deixas de gastar diñeiro na limpeza da finca e ademais vas percibir o pago dun aluguer".

O rexedor da Cañiza está convencido de que para facer rendible calquera tipo de explotación agraria "sempre ten que ir acompañada dunha iniciativa privada".

Neste senso, comenta que na Cañiza houbo unha experiencia impulsada pola Comunidade de Montes da parroquia de Petán, que foi capaz de xuntar 1.500 parcelas privadas nunha zona de 90 hectáreas totalmente delimitadas para iniciar unha explotación de porco celta con 2.000 animais. "Iso nunca acabou de arrincar porque detrás deste proxecto non houbo unha iniciativa privada que tivera o pensamento empresarial de actividade gandeira. A Comunidade de Montes desenvolveu esa iniciativa coa única intención de manter os montes limpos".

Miguel Domínguez sinala que A Cañiza fixo hai máis de vinte anos a concentración parcelaria de Oroso, pero que despois dese tempo a maioría das fincas están totalmente abandonadas. "En veigas que históricamente foron destinadas a cultivo xa hai arbustos que son árbores, con xestas de 20 centímetros", precisa.

"Temos a vantaxe de que ao ter un proceso de concentración parcelaria temos fácil de localizar aos propietarios en todos os casos, aínda que sexan herdeiros de herdeiros", indica o alcalde da Cañiza, convencido de que "o plan de mobilidade da terra vai saír adiante" sempre a cando haxa unha iniciativa privada que poida facer rendible unha actividade agrícola nese concello. "Calquera iniciativa que se poida facer no campo ten que ser rendible. Estabamos afeitos a unhas explotacións agrícolas e gandeiras de subsistencia no rural que a día de hoxe xa non existen".

No caso dos catro concellos da comarca da Paradanta (Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente), todas as parroquias de todos os municipios perderon poboación excepto o núcleo urbano da Cañiza. "Estamos nunha fase de que Galicia vaise converter nun deserto verde, e unha forma de evitalo é fixar poboación nas aldeas a través dunha actividade rendible vencellada ao campo", advirte Miguel Domínguez. Añade que, con ese obxectivo, a Comunidade de Montes da Cañiza plantou o ano pasado 800 castiñeiros no monte comunal. "Estamos desenvolvendo esta iniciativa cos escolares coa idea de que nun futuro non só se vexa a súa rendibilidade económica, senón tamén a social, e que no futuro as novas xeracións poidan vivir do campo dunha forma digna e non vinculada a unha economía de subsistencia como foi ata o de agora".

COREN. Ernesto Sánchez Salgado, responsable de Producións Ecolóxicas Bio Coren, comparte a opinión que teñen o director xeral da Agader e o alcalde da Cañiza sobre a necesidade de desenvolver proxectos para evitar o crecente número de leiras abandonadas no rural. "A propiedade ten un custo. Manter a finca limpa ou traballada ten un custo que o propietario debe asumir. No caso de que non poida facer fronte á produción a terra queda en abandono. Ademais, haberá vida no rural se hai actividade económica no rural. Ou conseguimos dinamizar a actividade económica nas parroquias ou ter unha finca limpa por tela é un custe non asumible no futuro".

Explica que moitas veces o elevado número de propietarios que hai fai inviable a posta en valor de determinados cultivos. Pódese obter unha renda económica suficiente para manter a explotación en producións máis intensivas como as de horta ou viñedo , que precisan de menos superficie. O problema está noutro tipo de produción, como a gandería extensiva ou de cereais, xa que se precisa máis superficie para rendabilizar a unidade de traballo», puntualiza.

Ernesto Sánchez desvela que a idea de Coren é tratar de agrupar a propiedade para que haxa unha unidade de traballo suficiente que permita poñer en valor este tipo de producións. "Coren é fundamentalmente unha cooperativa de gandeiros -dentro do propio grupo hai fábricas de penso-, á que lle encaixa a produción de cereais orientadas á fabricación de penso. Para facer rendible este tipo de produción necesitamos superficies importantes".

CIRCUITO PECHADO. O responsable de Producións Ecolóxicas Bio Coren comenta que dada a dimensión na que se move esta empresa e tendo en conta o potencial de superficie agraria que ten Galicia, "pensar que a produción de cereais de Coren pode ser significativa é un pouco complexo. Temos un proxecto de produción ecolóxica que xa está en marcha para a elaboración de polo e ovo, ademais de porco coa certificación ecolóxica e comercializando vacún de produción ecolóxica. Temos unha fábrica de pensos exclusiva, certificada para produción ecolóxica, polo que si nos encaixa facer esta produción de cereais e certificada tamén ecolóxica. Deste xeito, Coren podería ter o seu sistema de produción ecolóxica nun circuíto pechado dentro da comunidade. O noso eslogan é "Alimentos de Galicia", polo que desta maneira pretendemos pechar o circuíto dentro do territorio".

A cooperativa ourensá conta con arredor de 350 hectáreas vinculadas á produción da gama selecta de porcino, aos polos e ás galiñas de curral. "Con este proxecto de mobilización de terras -destaca Ernesto Sánchez- queremos poder chegar a esa superficie co obxectivo de producir cereais. Temos unhas cantas fincas nas que estamos facendo ensaios de cultivos de produción ecolóxica nos que se prescinde de herbicidas e fertilizantes químicos, o que nos obriga a establecer unha rotación de cultivos. Non habería problema en multiplicar por catro ou cinco esas 350 hectáreas. Na medida na que vaia medrando a produción medra a demanda de cereais e de superficie".

"Neste proxecto de Agader contribuímos a poder darlle un valor ás fincas que permita o pago da renda aos propietarios e, ademais, os traballos e os custes de labor que teñen as fincas", destaca o voceiro de Coren.

Ademais, comenta que "a cooperativa está en contacto con algúns gandeiros aos que, en previsión de pechar a súa explotación de leite -moitas veces vinculada á falta de relevo xeneracional-, propoñémoslles destinar esa base territorial a producir cereais, un traballo moito máis livián. Temos con eles un compromiso de compra de esa materia".

Ernesto Sánchez considera que "unha vía para complementar o aproveitamento forestal é o cinexético (a caza), que en Galicia non o temos nada valorizado económicamente. Este camiño non limita o resto do aproveitamento agrario e forestal".

PROXECTOS. Agader ten en marcha diferentes proxectos para a mobilización da terra, entre eles a recuperación de soutos tradicionais de castaña no concello de Folgoso do Courel, que beneficia unhas 80 hectáreas de soutos propiedade de arredor de 100 particulares e que conta con 9.500 árbores; a recuperación de praderías en terras de pasteiro abandonadas na comarca dos Ancares, que se centra nunhas 30 hectáreas no concello de Cervantes, correspondentes a montes veciñais en man común, coa intención de que os montes se integren no Banco de Terras (que levará a cabo arrendamentos pactados con cooperativas gandeiras da zona); a recuperación de terras abandonadas para produción de pasto e cereais no concello de Sober (trátase dunhas 25 hectáreas de antigas terras de labor propiedade de particulares, cos predios integrados no Banco de Terras e arrendadas a produtores individuais da zona); unha finca piloto para produción de pemento en Arnoia baixo a IXP "Pemento de Arnoia" (unha pequena actuación para recuperación de cultivo de pemento de Arnoia nunha plantación piloto de 1.500 metros cadrados); un proxecto de recuperación de terras de concentración parcelaria afectadas por lumes en Cualedro e Oímbra, que abarca a máis de 3.500 hectáreas (das que serán seleccionadas arredor de 500 en base ás necesidades expresadas polas empresas implicadas no proxecto, en principio para cereais, leguminosas e viñedo), e un proxecto de recuperación de terras no Val de Lemos, con destino a cultivos forraxeiros, que afecta a unhas 160 hectáreas.

O director xeral de Agader indica que as persoas interesadas en alugar os seus terreos deben dirixirse ao concello ao que pertenezan ou á propia Axencia para incluír a súa parcela no Banco de Terras, un instrumento creado pola Consellería de Medio Rural co que se pretende regular o uso e aproveitamento de fincas con vocación agraria,co dobre obxectivo de evitar o seu abandono e de de poñelas a disposición de todas aquelas persoas que necesiten terra para usos agrícolas, gandeiros, forestais, de conservación da natureza e patrimonio ou outros usos de interese social.

Miguel Pérez Dubois indica que a Lei 6/2011 de Mobilidade de Terras, que entrou en vigor o 15 de novembro de 2011, establece que calquera persoa propietaria pode incorporar as súas parcelas ao Banco de Terras "de forma totalmente voluntaria e gratuíta" para que este organismo poida cedelas a persoas que estean interesadas en utilizalas. "Na relación contraída entre a persoa propietaria e o Banco de Terras establécense as condicións de incorporación da finca, así como as garantías que lle ofrece o Banco en caso de que sexa cedida a outras persoas: garantía de cobro da renta de referencia, de que a finca vai ser utilizada correctamente e de que no momento no que a persoa propietaria recupere a finca, esta se lle vai devolver como mínimo nas mesmas condicións de uso nas que se incorporou.

Ordenamiento: La Xunta prepara una nueva ley
O director xeral de Agader, confirma que a consellería prepara unha adaptación normativa aos novos obxectivos: "Estamos firmemente comprometidos en sacar unha nova lexislación de aquí a mediados de 2019 para mellorar a xestión do Banco de Terras e tamén para dar un pulo moi importante aos instrumentos de mobilidade para aplicalos as diferentes necesidades e cultivos".
114.000 Ha
Arredor de 114.000 hectáreas en Galicia están en "boa calidade agraria" para ser postas en produción, e desas unhas 46.000 son da mellor calidade. O observatorio de mobilidade de terras está a rexistrar un lixeiro repunte das operacións de compravenda de parcelas, especialmente no que atinxe a aquelas situadas en superficie agraria útil. Así, neste caso pasouse das 3.900 hectáreas obxecto de compravenda no 2015 a unhas 5.000 hectáreas en 2017. O número de operacións medrou neste eido das 18.446 de 2015 ás 18.670 de 2016 (último dato dispoñible).

 

Comentarios