"É un xogo de rol coas virtudes e as miserias dunha campaña real"

Brieffindor imponse por unha aplastante maioría nas eleccións ficticias de Ciencias Sociais ►"Demos o mellor de nós", afirman
Alumnos de Ciencias Sociais durante a votación celebrada este xoves na facultade
photo_camera Alumnos de Ciencias Sociais durante a votación celebrada este xoves na facultade

'A educación non é cousa de maxia' é o lema co que o partido Brieffindor se impuxo este xoves, por aplastante maioría, aos outros tres competidores nas eleccións ficticias que cada ano promove na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o profesor Xosé Rúas, no marco da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, pertencente ao grao de Publicidade e Relacións Públicas. "É un xogo de rol coas virtudes e as miserias dunha campaña real", afirma o docente. "Para ben e para mal, é unha simulación cada vez máis próxima", apunta sobre unha iniciativa da que destaca como positivo "a loita entre os partidos", pero na que tamén xurdiron aspectos negativos, "como o carrexo ou o cuestionamento sobre o financiamento" suscitado neste debate.

Brieffindor, que inspiraba a súa estética nos filmes de Harry Potter, conta con 21 integrantes e as súas candidatas foron Ana Muñiz e Raquel González. Obtivo 164 votos, fronte aos 45 de La Tribu, os 42 de Pentágono e os sete logrados pola formación 101.

O propósito destas eleccións é poñer en práctica os coñecementos adquiridos nas clases e na votación participa todo o estudantado, profesorado e persoal do centro, agás os propio alumnado da materia. "Foi unha aprendizaxe total", asegura González, pese a que "estresa moito". "Descubrimos moito sobre nós, sobre o partido e sobrevivimos despois de semana e media".

COMPAÑEIRISMO. De feito, como apuntou Rúas, "foi unha campaña máis breve que outros anos pero moito máis intensa". Unha das novidades foron as enquisas de intención de voto realizadas polo alumnado de Dirección e Xestión Pública baixo a coordinación do profesor Juan Vidal. "Serviron para que os partidos se reposicionasen e acertaron co gañador, como en Francia". O docente tamén destacou a "alta participación", con 262 votantes. "Traballaron moito, tanto na campaña presencial como nas redes sociais e, de feito, considera que os estudantes "están preparados para levar unha campaña real" baseada en tres pilares: "investigación, planificación e estratexia e execución". Rúas tamén subliñou que as propostas dos partidos "foron moi realistas, non só desde o idealismo e a utopía, e mesmo negociaron co Decanato para a mellora dos servizos. Metéronse moito no papel".

As votacións abríronse xa o mércores pola tarde "para ter en conta aos compañeiros de Dirección e Xestión Pública", apuntou Raquel González, e continuaron durante a mañá de onte. Víronse completadas polo debate entre as candidatas Alejandra Iannone, de La Tribu; Ana Muñiz, de Brieffindor; Ismael Gómez, de 101, e Manuel Seoane, de Pentágono.

"Pasámolo xenial e demostramos que poden facerse cousas con compañeirismo", salienta González. "Eramos 21 persoas e entendémonos perfectamente", apunta dunhas eleccións das que destaca o "bo rollo" entre partidos. O desenvolvemento de coloquios sobre mobilidade internacional ou prácticas e os cursos sobre diferentes programas informáticos foron, xunto coa recollida de sinaturas que levaron a cabo para reclamar "melloras en infraestruturas e servizos" foron as iniciativas máis destacadas da formación gañadora, que recolleu moitos votos entre o persoal de administración. A estudante subliñou o "orgullo de participar con estes contrincantes". Pola tarde tocou celebración, "con cabeciña".

Comentarios