"É unha vergoña que me manden a mariscar; dinmo os médicos"

O 17 de xaneiro tiveron que sacala do mar porque sufriu un desmaio mentres mariscaba. Volvera coller o raño había escasas semanas tras a decisión dun inspector de non renovarlle a baixa por un cancro de mama. Agora a Fiscalía revisa o caso de Magdalena Martínez
Magdalena Martínez, na súa casa
photo_camera Magdalena Martínez, na súa casa

Ten 59 anos e traballa dende os oito no mar. Acumula no seu historial médico dúas hernias discais, un tumor cerebral e problemas de ansiedade e depresión. Aínda padece as secuelas da mastectomía á que se someteu hai pouco máis dun ano. Porén, a Magdalena Martínez dinlle que pode traballar. Non pode permitirse deixar de ter ingresos porque o seu marido cobra unha pensión baixa que non chegaría para comer e pagar a cota da Seguridade Social.

Cando lle comunicaron que tiña que volver traballar?

Aos once meses dixéronme que me tiñan que dar a alta. Eu expliqueilles que non podía, que tiña moita dor e que tiña todo adormecido. Entón decidiron darme un mes máis de baixa e, aos doce meses, tiven que coller a alta.

En contra da opinión do seu médico de cabeceira...

E da do oncólogo e máis a do cardiólogo. Pero a inspectora decidiu que podía traballar. Pedín unha prórroga de 18 meses pero viume denegada. Un día chamoume a inspectora para avisarme de que tiña que incorporarme a traballar. Díxome que "gracias a Dios" estaba curada, non coma outros, que non tiñan a mesma sorte ca min e morrían. Como se lle pode dicir iso a unha persoa enferma de cancro?

Como era o seu día a día dende entón?

Moi duro. Só o raño que uso para traballar pesa 15 quilos. Poñámoslle bidóns, cubos, roupa de auga... todo iso suma aínda máis peso. Ademais eu traballo coa auga por enriba da cintura, soportando o frío e o mar a pasar por enriba de min. Estou mal. O día 17 de xaneiro deume un desmaio no medio do mar e foron as compañeiras as que me salvaron de morrer afogada. Se non fora por elas agora non o estaba contando.

Ese desmaio tivo algo que ver coas secuelas da súa enfermidade?

Eu empecei a sentir dor no peito, ademais teño depresión e ansiedade e todo axuda. Tamén tiven un tumor cerebral hai uns anos e fun operada cinco veces. Non sei se son secuelas do cancro de mama ou do cerebral. Agora mesmo estou de baixa outra vez pero xa me dixeron que dentro dun mes teño que volver porque xa están investigando para decidir se me pagan ou non. Como vou vivir? Como vou pagar autónomos? Eu non teño outro ingreso, meu home cobra unha pensión de 500 euros por un accidente laboral e teño que comer e comprar medicamentos. A Seguridade Social trátanos como animais, tanto a nós como aos mariñeiros.

"Houbo unha veciña que morreu mariscando, dada de alta. Tiña cancro de fígado e matábase a traballar"

Non contempla a opción de deixar de traballar e de pagar á Seguridade Social?

Non podo. Eu espero que isto se arregle e me dean unha incapacidade. Se non é así, terei que ir pola vía xudicial, pero tampouco teño cartos para pagar a un avogado.

Como decidiu acudir a El Defensor del Paciente?

Iso foi mediante outro compañeiro mariscador. El moveu todo para poñer isto en coñecemento das autoridades. Outras compañeiras que teño en Vigo axudáronme para difundilo na prensa e que isto cambie un pouco. O problema é que os pobres non temos xeito de defendernos, temos que axudarnos entre nós.

Coñece algunha outra compañeira que estivera na mesma situación que vostede?

Aquí hai moitas xente que pasa por isto, o que pasa é que é xente que ten medios e pode estar de baixa sen cobrar porque na súa familia hai persoas que cobran ben e poden seguir pagando á Seguridade Social. Ese non é o meu caso, se deixo de pagar quedo sen pensión de xubilación.

Ten esperanza de que a Fiscalía resolva a súa situación?

Non sei que pensar, pero polo menos quero que se saiba o que ocorre. Aquí houbo unha veciña que morreu mariscando, dada de alta. Nós subiamoslle o marisco para axudala porque a pobre non podía. O día que morreu aínda foi traballar. Tiña un cancro de fígado e matábase a traballar. Por iso digo que o marisqueo está moi maltratado, e non entendo por que motivo xa que nós damos moita ganancia a Galicia. Sen embargo, non miran por nós. Só politiqueo e pouco máis.

Séntese abandonada polas autoridades?

Por suposto. Só lles importamos cando poñen as urnas. O resto do tempo dálles igual. Non pode ser así porque, ao igual que o resto de traballadores, nós tamén axudamos a España a ir arriba.

Cantos anos leva traballando como mariscadora?

Toda a vida, porque daquela xa traballabamos dende meniños. eu penso que cando tiña oito ou nove anos xa saía a mariscar. Logo empecei a traballar en Pescamar sendo adolescente. Casei con 16 anos e con 23 xa tiña catro fillos. Pasei toda a vida a traballar para mantelos. Non importaba que estivera embarazada ou non, había que ir gañar os cartos. Operáronme da columna no ano 1993 por dúas hernias discais, quedei inválida dunha perna, tiña un aparato ortopédico e ía mariscar igual. Ademais, morreume unha filla de 17 anos con cancro. Xa estou queimada, xa tiven dabondo. Entre a depresión que teño, a ansiedade... estou fatal. Non aguanto máis.

Como afrontará a próxima vez que teña que coller o raño para traballar?

Se che digo a verdade teño medo dese momento. Podo caer un día ao mar e, se os compañeiros non me miran, aparezo morta flotando. Isto para min é demasiado. Ademais do mal que teño, estou pasando moito estrés por todos estes problemas. O venres pasado fun ao cardiólogo -polo desmaio sufrido na praia en xaneiro- e díxome que o que teño non é do corazón, é todo ansiedade polo estrés que paso. Ademais, explicoume que se el tomase a medicación que tomo eu non podería estar traballando, ao igual que un condutor de autobús ou un taxista, polos efectos secundarios que provoca, é como estar drogado. Todos os médicos me din que debería estar na casa, pero os políticos nada. Os de arriba páranlle os pés aos médicos e eles non poden facer nada. É unha vergoña que me manden a mariscar, e iso non o digo eu, díxomo o propio cardiólogo. Agora estanme vixiando o outro peito, teño que facer probas para terme controlada. E con esta ansiedade por pensar como vou facer para traballar non me extraña que a cousa vaia peor, o estrés non axuda. Isto é o que ten a Seguridade Social: o que fai coas mans rómpeo cos fuciños.