Veciños e comerciantes de Echegaray acordan que as obras comecen "canto antes"

A reforma arrincará cara finais de maio ou primeiros de xuño

Recreación de la calle Echegaray tras las obras. DP
photo_camera Recreación de la calle Echegaray tras las obras. DP

A asamblea de veciños e comerciantes acordaron este mércores iniciar as obras de reforma da rúa Echegaray “canto antes”. Esa data será cara finais de maio ou primeiros de xuño, aínda que o Concello era partidario nun principio de adialo ata despois do verán.

Segundo informou o goberno local, as obras comezarán unha vez que a empresa concesionaria do ciclo da auga, Viaqua, encargada de realizar esta reforma, teña contratada a empresa e xestionados todos os trámites administrativos previos.

No encontro que mantiveron os concelleiros Demetrio Gómez e Raimundo González coa asemblea, tamén se chegou ao acordo de realizar os traballos secuencialmente, é dicir, iniciar primeiro por unha marxe e, ao rematar, continuar coa seguinte.

Tamén decidiron manter dúas liñas de estacionamento (a cada marxe da rúa), en liña e de servizos. Durante os traballos manterase o acceso aos veciños para os garaxes e tamén para servizos, agás necesidades moi puntuais da obra. De cara ás festas de verán, a previsión é que se suspenda a obra, que terá un custe de 696.064,21 euros e un prazo de execución de seis meses. O proxecto contempla cambiar a rede de saneamento por ambos lados, a rede de augas pluviais e a canalización eléctrica.

Comentarios