O edificio municipal de Ferreiros abrirá ao público o 8 de xuño

Lores e Gulías durante a visita ao edificio municipal de Ferreiros. DAVID FREIRE
photo_camera Lores e Gulías durante a visita ao edificio municipal de Ferreiros. DAVID FREIRE

O edificio municipal da rúa Ferreiros abrirá ao público o vindeiro 8 de xuño, segundo as previsións do Concello. 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías, visitaron este mércores as instalacións, ás que se comezarán a trasladar as áreas municipais de Tesouraría e Urbanismo a partir da vindeira semana. O primeiro servizo en prestar atención será Xestión Tributaria e baixo o sistema de cita previa.

Segundo indicou Fernández Lores "xa estaba previsto mellorar e axilizar tanto a atención ao público como o traballos dos funcionarios e aquí imos conseguir unha atención máis personalizada e limitando as aglomeracións e a espera para a xente que se acerque a facer xestións administrativas".

O rexedor lembrou que estas instalacións acollerán 70 de traballadores e traballadoras nos preto de 1.400 metros cadrados entre dúas plantas. Na planta baixa ubicaranse as áreas relativas a Tesourería –con 30 empregados–, e no primeiro andar as de Urbanismo –con 40–.

Nestas novas instalacións garántense as medidas de seguridade e distancia social de 2 metros tanto entre traballadores como entre empregados e público, e haberá dous accesos diferenciados, un para persoal e outro para público.

Esta remodelación xa incluía no proxecto inicial servizos como domótica e videovixilancia, así como unha reforma interior pensada para aforrar ata un 50% dos consumos de enerxía habituais nas oficinas deste tipo. No exterior tamén se instalou unha celosía de madeira coa función de refrescar as oficinas no verán ou manter o calor no inverno, no marco da denominada Arquitectura Pasiva para conseguir unha cualificación enerxética de proxecto tipo "A", a mellor das posibles.

REFORMULACIÓN DE ESPAZOS.  Anabel Gulías sinalou que o traslado das áreas de Tesouraría e Urbanismo ao edificio de Ferreiros conlevan unha reformulación de espazos que xa estaban previstos no proxecto de modernización da Administración local pero que agora estanse acelerando tras a aparición da Covid-19.

Neste sentido, explicou que coa reforma de Michelena 30 e co traslado a Ferreiros, quedará libre unha parte de Churruchaos onde está previsto reorganizar o espazo e ubicar o Servizo de Patrimonio e as oficinas dos grupos da oposición. Ademais o traslado de Xestión Tributara suporá que o Concello deixará de pagar o aluguer do baixo en Xofre de Tenorio, onde estas oficinas estiveron instaladas ata o de agora.

Tamén adiantou que está previsto realizar unha reforma no propio Teatro Principal para acondicionar toda a área que quedará libre, tras o traslado de Disciplina Urbanística, para dispoñer de salas de reunións e dunha sala de prensa.

Comentarios