Educación anuncia unha reforma integral valorada en 735.000 euros no IES A Xunqueira I

O plan inclúe a execución de obras de eficiencia enerxética e de mellora da accesibilidade, coa dotación dun ascensor
Román Rodríguez, con Luisa Sánchez e alumnado pertencente ao coro. DP
photo_camera Román Rodríguez, con Luisa Sánchez e alumnado pertencente ao coro. DP

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou o instituto IES A Xunqueira I para presentar o proxecto de rehabilitación integral deste centro, que suporá un investimento de 735.000 euros por parte da Xunta de Galicia, e despedir o curso co seu alumnado. Aínda que a Consellería remitiu o comunicado este sábado, a visita realizouse o pasado mércores, día de fin de curso.

O representante do Goberno galego explicou que esta actuación se enmarca no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para renovar as instalacións educativas en base a un modelo de espazos máis accesibles, amplos e flexibles, en conexión coas necesidades do ensino do século XXI.

Outras das premisas do plan é acadar centros máis sustentables. Neste sentido, a Xunta está a facer fincapé na mellora enerxética dos centros, como é o caso desta obra no IES A Xunqueira I.

Profesores do centro atenden as explicacións sobre a rehabilitación prevista. DP
Profesores do centro atenden as explicacións sobre a rehabilitación prevista. DP

En concreto esta actuación, que vén de licitarse, inclúe melloras na fachada a través do seu illamento exterior e da colocación de catro novas carpinterías exteriores e vidros (incluída persiana e caixa de persiana). Ademais, para mellorar a accesibilidade do instituto instalarase un ascensor.
No referido aos elementos construtivos interiores, acometerase a montaxe de falsos teitos en diferentes áreas e renovarase o revestimento interior do centro mediante pintura plástica branca ou en cores claras, tanto en paramentos verticais como horizontais.

A actuación completarase coa reforma dos aseos da planta de acceso ao edificio, a creación dunha nova aula no espazo ocupado por un dos almacéns e o cambio da iluminación interior do centro, entre outras melloras.

Román Rodríguez e César Pérez con integrantes do coro. DP
Román Rodríguez e César Pérez con integrantes do coro. DP

A visita de Rodríguez, que estivo acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, coincidiu cun dos ensaios do Coro do IES A Xunqueira I, ao que lle desexou sorte no certame no que participou esta fin de semana en Madrid e no que obtivo un segundo posto. Así mesmo, o conselleiro viu con bos ollos a posibilidade de dotar ao centro do Bacharelato de Música, segundo explicou a profesora e directora do coro, Luisa Sánchez. O centro é un dos únicos dous de Pontevedra que actualmente ten Bacharelato de Artes.

Comentarios