Sete centros escolares da provincia son premiados no Plan Proxecta

O proxecto 'O mar de Sabela', do CEIP Rubiáns (Vilagarcía) acadou o primeiro premio ►Dous centros de Poio e Vilaboa obtiveron un accésit
Ciclo 'O mar de Sabela', no CEIP de Rubiáns
photo_camera Ciclo 'O mar de Sabela', no CEIP de Rubiáns

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a resolución pola que se resolve a segunda edición dos Premios Proxecta de Innovación educativa, unha convocatoria que ten como obxectivo consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes no Plan Proxecta, e na que resultaron distinguidos sete centros educativos da provincia de Pontevedra.

Na categoría A, o primeiro premio foi para o CEIP de Rubiáns (Vilagarcía), o segundo para o CEIP de Laredo (Redondela) e os terceiros para o CEIP A Rúa (Cangas) e o CEIP Illas Cíes (Vigo). No caso do CEIP de Rubiáns, premiouse o proxecto documental O mar de Sabela, que aglutina os traballos desenvolvidos ao abeiro dos programas Aliméntate ben, Naturézate e Nós tamén creamos!; mentres que no de Laredo o traballo galardoado, Esencia Laredo, describe a creación dunha microempresa educativa cunha finalidade solidaria, en colaboración con distintos axentes institucionais e sociais.



Pola súa parte os proxectos dos CEIPs A Rúa e Illas Cíes centráronse na alfabetización audiovisual e no consumo responsable, respectivamente. Nesta mesma categoría obtiveron un accésit pola calidade dos traballos o CEIP de Espedregada (Poio) e o CEIP Plurilingüe Riomaior (Vilaboa).

Na modalidade B, o segundo premio foi para o IES Carlos Casares (Vigo), por un traballo sobre a figura de Carlos Casares, homenaxeado das Letras este ano.

O Plan Proxecta lévase a cabo na rede de centros educativos públicos galegos. No curso 2016/17 chegou a un total de 428 centros e preto de 91.000 alumnos co obxectivo de crear un marco xeral de cooperación grazas ao esforzo doutras consellerías, integrando nun mesmo espazo de referencia as iniciativas dos diferentes departamentos da Xunta para o fomento da innovación educativa, establecendo ademais uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns para a creación de proxectos innovadores que desenvolvan competencias clave e educación en valores.

Comentarios