Educación investirá 29.000 euros nas instalacións do IES Torrente Ballester

Executarase a separación de pluviais e fecais e reasfaltarse o aparcadoiro

César Pérez Ares, David Castro e José Manuel Cores Tourís xunto a un técnico e un inspector. G. GARCÍA - IES Torrente Ballester
photo_camera César Pérez Ares, David Castro e José Manuel Cores Tourís xunto a un técnico e un inspector. G. GARCÍA - IES Torrente Ballester

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este luns o IES Torrente Ballester para anunciar a execución, durante as vacacións estivais, dunhas obras de mellora do saneamento de cara a facilitar a separación de augas pluviais e fecais e a mellora do acceso ao centro.

Deste xeito, a Administración autonómica pretende mellorar o sistema de saneamento para evitar vertidos á rede de sumidoiros municipal. Tourís estivo acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, así como por responsables da Unidade Técnica e da Inspección deste departamento e do director do instituto, David Castro, quen agradeceu a boa acollida da súa solicitude.

Os traballos contarán cun orzamento de case 29.000 euros e permitirán, á mesma vez, poder asfaltar a zona de acceso ao centro e tamén a área de aparcadoiro do mesmo. De feito, consistirán na limpeza e varrido de toda a superficie a tratar, a regularización da mesma con mestura bituminosa quente e rego de adherencia, así como dunha capa de rodadura de cinco centímetros de espesor.

"As obras comezarán cando o Concello de Pontevedra remate os traballos de saneamento que vai a realizar neste barrio, o que facilitará o enganche das novas tubaxes. Terá un prazo de execución duns 25 días", explicou Cores Tourís.

Deste xeito, a Xunta de Galicia continúa a executar obras de mellora e reforma nos centros educativos da cidade do Lérez onde, nos últimos anos, investíu case 7,4 millóns de euros, dos cales, 4,3 corresponden a obras realizadas en centros de Secundaria da capital da provincia.

En relación á provincia, o delegado destacou que se acaban de adxudicar obras por un montante de máis de dous millóns de euros para a posta en marcha de diversos proxectos de mellora en centros de Primaria e Secundaria. "A estas haberá que sumar outras que se adxudicarán nas próximas semanas".

Comentarios