O convenio coa Fanpa para as actividades de verán e Nadal aprobarase o luns

O acordo de colaboración abrangue os servizos das escolas de verán urbanas (tamén en Monte Porreiro e as parroquias do rural), a 'Playing in summer' de lingua inglesa e a escola urbana de Nadal
Tino Fernández. DAVID FREIRE
photo_camera Tino Fernández. DAVID FREIRE

A concellería de Educación de Pontevedra, que dirixe o socialista Tino Fernández, levará este luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación a primeira prórroga do convenio de colaboración subscrito no ano 2017 coa Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (Fanpa) para o desenvolvemento dos programas de actividades educativas de verán e Nadal.

En base a este acordo, destinado a dar resposta á demanda das familias de cobertura de actividades, programas e servizos que axuden á conciliación da vida familiar e laboral en períodos vacacionais dos escolares con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, a Fanpa organizará dúas escolas de verán urbanas en dous centros educativos do casco urbano; unha escola de verán urbana en Monte Porreiro; catro escolas de verán nas parroquias do rural; unha escola urbana de Inglés no verán Playing in summer (de apoio e mellora do éxito escolar en competencia lingüística inglesa, tanto oral como escrita), e unha escola urbana de Nadal.

Segundo explica Tino Fernández, o Concello destina unha achega global de 55.000 euros ao desenvolvemento das actividades recollidas neste convenio, cunha contía máxima a financiar de 45.000 euros para as ludotecas de verán, que se levarán a cabo nos meses de xullo e agosto, en dúas quendas, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas; e de 10.000 para as ludotecas de Nadal, que terán lugar en días non lectivos desde o comezo das vacacións de Nadal até o seu remate, tamén de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.  "Serán beneficiarios das actividades educativas obxecto deste convenio –subliña o tenente de alcalde– os menores con idades comprendidas entre 3 e 12 anos empadroados neste concello. Tendo en conta as demandas doutros anos, a estimación do número de alumnos que a Fanpa deberá atender nestas colonias urbanas ronda os 1.200 nenos/as".

A Federación de Nais e Pais deberá solicitarlle á Consellería de Educación da Xunta o uso das instalacións dos centros educativos públicos para o desenvolvemento das actividades, segundo os protocolos e normativa establecida pola devandita Consellería, e achegar o material necesario para a prestación dos programas e actividades, incluído as roupas de traballo. Á hora de adxudicar ás prazas, a Fanpa deberá reservar un 10% das mesmas a menores derivados da Oficina Técnica de Benestar Social e un baremo no que se teñan en conta como criterios a situación laboral dos proxenitores, priorizando as familias numerosas e o feito de que ámbolos dous estean ocupados laboralmente, así como o de que os rapaces estean matriculados en centros públicos.

Tino Fernández sinala que as propostas destas ludotecas “combinan o xogo con outras actividades creativas e a educación en valores e hábitos de convivencia, contemplando xogo libre, xogos de exterior, actividades predeportivas, xogos de gran grupo, obradoiros, actividades de animación á lectura, saídas polo contorno, visitas de personaxes coñecidas ou grupos de animación".

Comentarios