Educación: segredo para a convivencia, a igualdade e a conciencia crítica

Maiores do Espazo +60 e estudantes de Bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento comparten experiencias sobre a ensinanza

Estudantes e xubilados distribuíronse en varios grupos para elaborar as conclusións. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Estudantes e xubilados distribuíronse en varios grupos para elaborar as conclusións. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Favorecer a convivencia e as relacións baseadas no respecto, fomentar unha conciencia crítica e a formación dunha opinión propia, adquirir competencias prácticas para afrontar a vida, favorecer a igualdade de oportunidades e a inclusión social e formar persoas con valores positivos. Estes son os retos que debe asumir a educación contemporánea segundo o resultado dunha reflexión interxeracional entre voluntarios do Espazo +60 Afundación e alumnado de 1º de Bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento.

Trátase do programa Falamos da escola, impulsado por Afundación dentro da súa liña estratéxica O valor da experiencia, que propiciou este diálogo sobre as vivencias nas etapas escolares en distintas épocas históricas para acabar reflexionando sobre o papel que a educación debe xogar na actualidade.

O programa articúlase a través de dous encontros entre maiores e mozos. No primeiro, a semana pasada, puxeron en común as súas distintas vivencias e no segundo, este martes, elaboraron as conclusións en equipos mixtos compostos por un dos voluntarios maiores e un grupo de estudantes.

"Hoxe veno como unha carga, pero para as anteriores xeracións foi case un privilexio", destacou Luis Liñares, membro da Área de Envellecemento Activo de Afundación e responsable do proxecto durante a xornada do martes.

A mestra retirada Concha Aboal co seu equipo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
A mestra retirada Concha Aboal co seu equipo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
 

Diso deron fe os participantes. A pontevedresa Concha Aboal, que exerceu como mestra durante 41 anos e hoxe está xubilada, explicoulle ao alumnado que ela aprendeu "a ler, a escribir e as contas" na escola Anexa, onde "izabamos a bandeira e saudabamos cun Ave María purísima ao entrar na aula". "A educación -afirma Liñares- era o vehículo de adoutrinamento do franquismo". "Non había libros de lectura e si demasiada relixión, pero non teño trauma, logo distingues coa idade", engade Concha, quen lembrou tamén que daquela, cando era alumna de Bacharelato no colexio La Inmaculada, as clases sociais "estaban moi marcadas". Aínda así, quedoulle claro que "todos podemos chegar a conseguir a mesma nota, con máis ou menos sacrificio". E, advertíalle seu pai, "que non se nos ocorrera falar en galego na escola".

David Pérez Valiente, orixinario de Cuenca, repasou unha experiencia vital que inclúe clases puntuais a domicilio para deixar atrás o analfabetismo, ata que pasados os 30 anos, despois de traballar como policía, aprobou o Bacharelato e acabou estudando Enfermería e exercendo esta profesión nunha mina en Manresa.

Outro dos voluntarios é José Carlos Otero, tamén mestre xubilado, quen puxo en valor "la experiencia de las personas mayores, porque conocer lo de ayer puede ayudar mucho". El empezou a escola nunha unitaria en Rodeiro e, como a súa familia non tiña recursos para mandalo ao único instituto da provincia, ingresou no seminario, do que saíu para compaxinar o traballo cos estudos para poder acceder a Maxisterio.

"Para eles foi moito máis difícil e ás veces non a aproveitamos"
"Esta é unha historia que non está nos libros de texto", subliñou Liñares. É o caso da peripecia vital de Pepy Clavijo, tamén mestra xubilada e escritora, que, non obstante, contrasta coa dos demais voluntarios do programa.

"Yo no tuve ni castigos ni malas notas", como era moi habitual na época, a mediados do século XX. Aos tres anos xa sabía ler e aos seis foise a Marrocos, o destino do seu pai militar. "Los profesores, deportados del régimen franquista, eran maravillosos" e a convivencia con alumnos árabes, xudeus ou protestantes, envexable.

Ao regresar a Pontevedra, anos depois, decatouse de que o nivel "era muy bajo", ata o punto de que o mestre de Inglés lle pedía que o correxise nas clases, e que as diferenzas entre clases sociais estaban moito máis marcadas.

Inés González, Marta Caramés e Yolanda González son tres das alumnas participantes. Coinciden en que para os maiores a educación "foi moito máis difícil e nós ás veces non a aproveitamos" e sorpréndense da "agresividade dos profes, que pegaban por nada".

Comentarios