Edugal pecha a súa novena edición cunhas 13.000 visitas

As charlas de arbitraxe, a representación da Escola de Arte Drámática ou a Rede de Escolas Unesco triunfaron na completa programación
photo_camera Showcooking do CIFP Carlos Oroza na xornada de clausura. GONZALO GARCÍA

Edugal, o Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia pechou este venres as súas portas no Recinto Feiral cun éxito de asistencia e programación nos últimos tres días. O balance provisional, a falta de pechar as cifras, fala de entre 12.000 e 13.000 visitantes, segundo explicou a directora da feira, Conchi Pereiro, de Aempe. "Viñeron estudantes e colexios de toda Galicia, sobre todo polas mañás, e pola tarde moitas familias".

Entre os 56 expositores presentes nesta novena edición ("na décima teremos que facer algo especial", apuntou) chamaron á atención algúns dos debutantes, como a Federación Galega de Fútbol, que incluíu a ponencia dunha árbitra, ou as Escolas Asociadas á Unesco, que encheron aforo coa charla sobre a emerxencia climática. Os 18 stands da UVigo tamén atraeron a moito público, así como o obradoiro da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, o obradoiro de hostalería do CIFP Manuel Antonio ou o showcooking do CIFP Carlos Oroza, previo á clausura, e que afonda na idea da cociña de aproveitamento. "A idea era ensinar cousas sinxelas que podemos facer na casa.

A proposta era aproveitar sobras do cocido para facer un friame con eles, acompañado das patacas, presentadas en forma de puré e aderezadas con aceite de oliva e pimentón", explicou Pilar Tallón, vicedirectora do centro.