Edugal propón intelixencia artificial e robótica como ofertas formativas

A programación, entre mañá e o venres, inclúe, entre as 20 actividades previstas, unha conferencia da secretaria xeral de Igualdade e unha mesa redonda con ex alumnado do IES Luís Seoane
Unha imaxe da pasada edición de Edugal. DAVID FREIRE
photo_camera Unha imaxe da pasada edición de Edugal. DAVID FREIRE

O Recinto Feiral de Pontevedra acollerá entre o mércores e o venres 6 a duodécima edición de Edugal, o Salón de Educación e Formación de Galicia, organizado por Aempe e o Concello de Pontevedra coa colaboración da Xunta, a Deputación e o Consello Social da Universidade de Vigo, cuxo obxectivo é servir de escaparate para a cidadanía, especialmente para o estudantado de colexios e institutos, e expoñer todas as opcións formativas actuais. Na programación a organización destaca dúas: a conferencia Encontro en feminino: as competencias brandas no desenvolvemento cotiá, a cargo da secretaria xeral de igualdade, Sandra Vázquez, (xoves 5, 16.30 horas) e unha "batalla de gallos" (venres 6, 12.00 horas) "en la que destacados gallos harán una puesta en escena de una batalla sobre empleo, formación, salidas laborales, etcétera".

A programación desenvolverase durante os días 4, 5 e 6 en horario de mañá e tarde e nela terán cabida múltiples ofertas formativas e educativas para todas as idades. Haberá charlas sobre os criterios á hora de elixir unha universidade ou sofre a ferramenta da intelixencia artificial no servizo público de emprego de Galicia.

Outras conferencias versarán sobre as barreiras laborais e como evitales e o ensino integrado na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, con varios docentes.

"Que vén despois? Traxectoria profesional tras o IES Luís Seoane" é unha mesa redonda que o xoves a mediodía protagonizarán antigos estudantes de distintos ciclos deste instituto: Alba Abilleira, Carla Campos, Ángela de Faveri, Gonzalo Moldes e Alfredo Salazar, moderados por dúas alumnas actuais do centro: Luisa Morán e Sofía Caramés.

Así mesmo, nos stands dos expositores desenvolveranse distintos obradoiros de intelixencia artificial, electrónica creativa, instalación electrónica e programación con arduino, bio-tech, iniciación á robótica creativa, deseño de videoxogos e introducción ao modelado orgánico 3D e ao modelado xeometricoorgánico 3D.

Comentarios