A EEI Crespo Rivas estrea un mural presidido pola histórica mestra que lle dá nome á escola

A asociación ecoloxista Vaipolorío tamén aparece reflexada na obra 
Mural realizado na escola infantil Crespo Rivas. DP
photo_camera Mural realizado na escola infantil Crespo Rivas. DP

O proxecto O teu cole na historia, impulsado pola Concellería de Educación en colaboración co equipo creativo de Polo Correo do Vento, vén de rematar o seu décimo oitavo mural nos centros educativos de Pontevedra coa realización dunha intervención artística na Escola de Educación Infantil (EEI) Concepción Crespo Rivas. A obra está presidida pola histórica mestra que lle dá nome á escola e nela aparecen reflexados, por unha banda, o peculiar invernadoiro no que traballa decote o alumnado e a asociación ecoloxista Vaipolorío, que contan a historia máis recente deste centro situado á beira do río Gafos, e pola outra, no que atinxe ao relato máis antigo, lémbrase ás lavandeiras e á antiga estación de ferrocarril que estaba situada no actual barrio de Campolongo. Un merlo rieiro, propio destes hábitats, asina a imaxe.

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, constata que, ata o dagora, o programa O teu cole na historia xa se traduciu en murais nos CEIP Praza de Barcelos, Daría González, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Parada-Campañó, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, San Martiño (Salcedo), San Benito de Lérez, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve; os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI Fina Casalderrey, Crespo Rivas e Verducido.

A iniciativa da Concellería de Educación tamén ten previstas intervencións nos CEIP A Carballeira, Marcón e Vilaverde (Mourente), así como a posta en marcha duns obradoiros en torno á historia destes murais para o alumnado dos centros educativos.

Comentarios