En tempos de pandemia, o modelo de Pontevedra demostrouse como o mellor para que os veciños e veciñas das cidades se incorporen á vida cotiá e aos novos hábitos sociais tralo coronavirus. Durante estes meses, o Efecto PO2 seguiuse a estender polo mundo. De feito, Pontevedra foi a gañadora do primeiro Urban Road Safety Award concedido pola Comisión Europea o pasado 11 de maio.
Era finalista do premio xunto ás cidades de Ordu, en Turquía, e de Jaworzno, en Polonia. O presidente desta última cidade de máis de 90.000 habitantes, Pawel Silbert, acaba de enviar unha carta ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na que lle felicita polo recente galardón europeo obtido e lle pide abrir unha vía de cooperación entre as dúas cidades. Na súa misiva, Pawel Silbert recoñece que "nin sequera soñamos con recibir o primeiro premio, ao coñecer que Pontevedra se tiña presentado" e que "foi un honor" ter concorrido nesta primeira edición do galardón xunto á cidade do Lérez.
Asegura que Pontevedra é xusta "merecedora" do premio e confirma que "foi unha das cidades de Europa occidental cuxo exemplo seguimos cando buscamos a forma de crear a nosa cidade". A través de imaxes e de visitas virtuais de Pontevedra, porque non se puideron achegar até Galiza, "queriamos ser un pouco como Pontevedra". O seu nomeamento tamén lles permite ser un exemplo para outras cidades polacas e lle solicita a Lores iniciar unha vía de cooperación unha vez que os camiños de ambas cidades se cruzaron co Urban Road Safety Award, para intercambiar ideas e crear cidades amigables.
A revista recolle que a cidade procedeu en 20 anos a un cambio de paradigma, aplicando un concepto de calmado de tráfico en todo o territorio. Hoxe, gran parte dos habitantes de Pontevedra viven en zona peonís ou en rúas a 30 e a 20 km/h.
A referencia a Pontevedra tamén aparece na Revista de mobilidade peonil suíza Fussverkehr na que recolle a experiencia "fascinante e con carácter exemplar" de Pontevedra. Escrita en alemán, a revista ofrece a Pontevedra a portada así como as dúas primeiras páxinas nas que tamén se recolle unha entrevista de Fernández Lores.
Por outra parte, o Concello de Pontevedra vén de poñer en marcha a web http://www.pontevedra.gal/premio-ue/ dentro da páxina municipal (pontevedra.gal), para reforzar a presenza na cidade do premio Urban Road Safety Award. Nela se recollen todos os pormenores do galardón concedido á Boa Vila: o nomeamento, a resolución do xurado, o anuncio do alcalde, a proposta presentada ao premio, as cidades finalistas e os seus logros, algunhas das referencias nos medios locais e tamén nos internacionais.
Esta campaña tamén se ve reforzada nos monolitos do municipio, nos que unha das súas caras está reservada a dar a coñecer a concesión do premio, así como todos os galardóns que a cidade leva recollido dende o ano 2012, cando recibiu o premio Intermodes.