O Efecto PO2 sérvese do paddle surf para limpar os fondos do Lérez

Os participantes nas actividades de paddle surf ademais de realizar unha actividade deportiva, aproveitan os desprazamentos polo río recoller, maiormente, elementos de pouca envergadura como zapatos ou latas, pero tamén se ten retirado algún valado de obra
Rapaces participando la limpeza do Lérez. CEDIDA
photo_camera Rapaces participando la limpeza do Lérez. CEDIDA

A Concellaría de Promoción da Cidade que dirixe a concelleira Anabel Gulías vén de pór en marcha unha forma lúdica e deportiva de contribuír ao Efecto PO2. Trátase de xornadas de paddle surf, organizadas en colaboración coa Fanpa, na que ademais de amosar aos rapaces e rapazas que participan da ludoteca da Xunqueira como se fai paddle surf, aprovéitase para limpar os fondos do río Lérez. 

2020072918423353900
Valado retirado durante a limpeza. CEDIDA

O medio ambiente urbano e a saúde son un dos eixos de traballo da Concellaría de Promoción da Cidade na súa campaña de Efecto PO2, que trata de difundir un estilo de vida e de respecto polo medio e pola saúde das persoas que ten en Pontevedra un singular exemplo. Por iso, a proposta encaixa perfectamente dentro das actividades programadas pola Concellaría neste verán nas que os máis pequenos teñen un especial protagonismo. 

As primeiras saídas comezaron este martes e continuarán até o venres, 31 de xullo. A actividade ten unha duración de 2 horas e media. Parte da praia fluvial onde se imparte unha lección de 30 ou 40 minutos sobre a colocación do neopreno e indicacións básicas de seguridade e estabilidade sobre o taboleiro.

A actividade en auga terá unha duración dunha hora e 40 minutos, aproximadamente na que os rapaces e monitores sacan do fondo do río bolsas plásticas, rodas, valos de obra, zapatos, latas ou plásticos, entre outras cousas. 

Todo este material de refugallo deposítano nos colectores correspondentes, e no caso de tratarse de elementos de gran volume trasládanse ao punto limpo do Campiño. 


Que é o Efecto PO2? 

Esta actividade forma parte da campaña de promoción e divulgación do Efecto PO2 que a Concellaría de Promoción da Cidade pon en marcha en colaboración coa Fanpa neste verán. A pasada semana comezaron os obradoiros nas ludotecas A miña cidade con-sumo responsable nos que se quere coñecer as medidas que os cativos creen que hai que activar para salvar ao mundo. 

Estas accións compleméntanse con outras como as pintadas de rúa -CO2 +PO2 que aínda se poden ver en dez puntos diferentes da cidade, e que permite facer un pequeno xogo: canto máis se pise o CO2, só irá quedando PO2. 

Tamén inclúe unha campaña de carteleira de máis de 1.000 exemplares con sete imaxes distintas que recollen diferentes puntos fortes do modelo de cidade, para explicar na cidade que é o Efecto PO2. Está instalada en sedes administrativas, establecementos, nos mupis da cidade, que terán o Efecto PO2 como referente anual. 

A campaña de posicionamento da marca tamén inclúe os microvídeos #comonacasa que queren amosar como o espazo público é a extensión das vivendas e espazos de traballo dos pontevedreses e pontevedreses, no que se contou coa colaboración do campión do mundo, Javier Gómez Noya. 

Outra das accións aínda por iniciar son os faladoiros do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores con persoeiros que se iniciarán no mes de setembro.