Elena Rial acode por terceira vez á pasarela do Samsung Ego na Madrid Fashion Week

A titulada tamén estará no showroom de novos talentos xunto a outros dous ex-alumnos de Esdemga, Sheila Pazos e Waverley
Deseño de Elena Rial na exposición ‘'Con-Fío'’ do Gaiás
photo_camera Deseño de Elena Rial na exposición ‘'Con-Fío'’ do Gaiás

A deseñadora de Cambados Elena Rial, titulada nos Estudos de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga), acode este ano por terceira vez á pasarela de novos talentos máis importantes de España, Samsung Ego, organizada dentro da Madrid Fashion Week (antiga Cibeles). Será o martes 20 de setembro cando se poida ver o seu desfile, o último que celebrará dentro desta plataforma, na que se pode participar, como máximo, en tres ocasións. Rial fíxoo por primeira vez en 2014, cunha versión ampliada da colección coa que gañou o Debut, ‘Vivian Girls’. Repetiu o ano pasado con ‘Hey Boo’ e rematará o ciclo este con ‘Rumspringa’, unha colección formada por 20 estilismos masculinos e femininos inspirada na cultura ‘amish’. 

A cambadesa figura ademais entre os 15 seleccionados para o showroom desta mesma pasarela, no que tamén estarán outros dous compañeiros de Esdemga, Sheila Pazos (gañadora da última edición de Debut) e Laura González ‘Waverley’, segundo informaba onte a organización. 

O diario dixital da Universidade de Vigo (duvi.uvigo.es) recollía a opinión de Lola Dopico ao respecto da importante presenza de exalumnos no Samsung Ego. "Para nós é moi importante que todos os anos haxa presenza de deseñadores formados aquí, xa que esa constancia é unha mostra de que se está traballando ben", comenta a directora de Esdemga. "Poucas escolas poden ter sempre esta presenza, que penso que cando menos fala de que a formación que reciben é moi competitiva". 

A Madrid Fashion Week celebrará a súa 64ª edición entre o 15 e o 20 de setembro no Ifema. Entre outros, participan Ion Fiz e Amaya Arzuaga.

Comentarios