Emigración mantén aberta a liña de axudas extraordinarias para apoiar aos galegos retornados

Os emigrantes regresados a Galicia poderán solicitar esta subvención ata o vindeiro 30 de setembro ► Máis de 4.022 familias beneficiáronse deste apoio dende a aprobación da Estratexia Galicia Retorna, en 2018
undefined
photo_camera O secretario xeral da Emigración visitou a Oficina de Retorno en Santiago para analizar a evolución das solicitudes, que este ano contan cunha liña dirixida a problemas derivados da covid-19. DP

A Secretaría Xeral da Emigración mantén aberta a liña de apoio aos galegos retornados para facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do retorno e das dificultades actuais da pandemia. Ata o momento xa se presentaron un total de 1.209 solicitudes. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 30 deste mes.

Así o explicou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, durante a visita que realizou á Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Emigrante Retornado de Santiago de Compostela, acompañado pola subdirectora de Retorno, Begoña Solís, co obxectivo de analizar a evolución da presentación destas axudas.

Miranda recordou que este ano, coma novidade, dos 2,2 millóns de euros de orzamento, alomenos 500.000 destinaranse directamente a atender situacións de emerxencia derivadas da actual pandemia da covid-19.

Dende a aprobación da Estratexia Galicia Retorna, no ano 2018, beneficiáronse delas 4.022 familias retornadas, a maioría delas, con fillos. O 62,7% dos solicitantes foron descendentes dun galego, mentres o 17,3% son nados en Galicia que retornaron despois de varios anos no exterior e o 20% restante son cónxugues.

Os residentes en Venezuela , Arxentina e Brasil son os que máis consultas presentaron nas ofricinas de asesoramento do emigrante retornado 

Os concellos con maior penetración destas axudas foron Avión, Negreira, Gomesende, Lobeira e Celanova, e as mulleres representan a maioría das persoas beneficiadas por estas axudas, un 55%.

"A pandemia interrompeu o crecemento gradual que viñamos tendo destas solicitudes de axuda, porque durante 9 dos 12 meses de 2020 non se puido viaxar, pero sen embargo, os números do 2020 foron mellores que os de 2018, o que mostra un crecemento sostido destas axudas e por tanto, do retorno, que sempre soe precisar dunha axuda inicial no momento do regreso", explicou Antonio Rodríguez Miranda.

Rede. Os emigrantes retornados interesados en solicitar estas axudas extraordinarias poden facelo achegándose a calquera das Oficinas de Retorno, financiadas polo Fondo Social Europeo, situadas nas catro provincias galegas. Dende a súa apertura, en decembro de 2019, xa foron presentadas 24.888 consultas en temas educativos, laborais e de tramitación de documentación, atendendo a 6.576 galegos retornados. A maioría (1.868) procedían de Venezuela, aínda que tamén é significativo o número de arxentinos retornados que solicitaron información, 739, de Brasil, 318, ou de Cuba, 308.

As axudas contan con dúas liñas: unha destinada a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do retorno; e unha segunda, de alomenos 500.000 euros, que ten por finalidade apoiar á unidade familiar polas dificultades de inserción sociolaboral no contexto actual da pandemia. No primeiro caso, xa se presentaron 704 solicitudes e 387 no eido do apoio a unidade familiar.

Os beneficiarios serían as persoas que residindo fóra de España con nacionalidade española, se establezan na comunidade autónoma galega, tanto os nados na propia comunidade autónoma como os seus cónxuxes ou descendentes.

Como novidade, este ano hai dúas liñas de axudas, incompatibles entre si que suman un orzamento de 2,2 millóns de euros 

A maiores, deben contar tamén co empadroamento en Galicia e ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno. No caso da primeira liña de axudas, a data de retorno debe estar fixada para o 1 de xaneiro de 2019, mentres para a segunda liña, as axudas poderán ser solicitadas por quen retornara a partir do 1 de xaneiro de 2018.

As contías máximas da primeira liña son de 6.000 euros e no caso da segunda liña de ata 3.000 euros, dependendo do número de persoas que conformen a unidade familiar. Hai que ter en conta que as liñas son incompatibles.

Comentarios