Emma Torres continuará como decana da Facultade de Comunicación

O principal obxectivo do novo mandato é a aprobación dun novo plan de estudos para Publicidade e Relacións Públicas e Protocolo
Emma Torres, a segunda pola dereita, co seu equipo. DP
photo_camera Emma Torres, a segunda pola dereita, co seu equipo. DP

A profesora do departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade Emma Torres continuará tres anos máis á fronte do Decanato da Facultade de Comunicación, despois de que a súa candidatura, a única presentada no procedemento electoral aberto no centro, recibise 27 votos a favor, dous en contra e un en branco na votación celebrada este venres, segundo informou o Duvi, Diario da Universidade de Vigo.

Emma Torres, decana do centro desde 2020, optaba á reelección á fronte dun equipo no que se manteñen os actuais vicedecanos José Pita (Mobilidade e Alumnado), Paulino Pérez (Promoción e Comunicación), Oswaldo García (Infraestructuras e Asuntos Económicos) e Vicente Badenes (Calidade e Docencia), xunto coa secretaria académica, Silvia García Mirón.

Na súa intervención na xunta de facultade, a candidata á reelección destacou como o principal obxectivo desta etapa a renovación do plan de estudos do Grao en Publicidade e Relacións Públicas.

"Moi contenta, pero tamén consciente de que a carga de traballo é moita", recibía Torres o apoio outorgado pola Xunta de Facultade para continuar á fronte do centro. Egresada da facultade e investigadora do grupo Sepcom, Torres Romay xa vivira unha primeira etapa como decana entre xullo de 2014 e decembro de 2015 e foi novamente elixida en novembro de 2020.

Con respecto ao novo mandato, Torres sinala como principal obxectivo a aprobación dun novo plan de estudos para Publicidade e RR. PP., "que pasou de ser necesaria a urxente", xa que pese a ser un título "que segue dando moi bos resultados de matrícula", é preciso actualizalo "conforme a realidade do sector", subliñou, con "materias que permitan unha adaptación rápida aos cambios" no eido da comunicación. Unha vez acadado, apuntou, outra das liñas de traballo sería tratar de impulsar un PCEO (Programacións Conxuntas de Ensinanzas Oficiais) en Publicidade e RR. PP. e Comunicación Audiovisual.

Tamén no eido formativo, Torres lembrou que será preciso acometer ás adaptacións que require á LOSU e apostou por, máis aló dos dous mestrados cos que conta a facultade e que "funcionan de xeito excepcional", tratar de impulsar tamén novos cursos de especialista ou másteres propios, que permitan ampliar a formación de graduados e graduadas, "xa que o sector está demandando profesionais que teñan algunha especialización".

Comentarios