Emma Torres volve poñerse á fronte da facultade de Ciencias Sociais

A mestra desenvolverá unha "liña de traballo específica sobre a covid-19", ademais doutros "asuntos que están enriba da mesa"
Emma Torres. D. MASSÓ
photo_camera Emma Torres. D. MASSÓ

Pendente da súa proclamación definitiva o vindeiro martes, a profesora do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade Emma Torres encabeza a única candidatura ao Decanato da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Trala renuncia de Xosé Baamonde, que se atopaba á fronte da dirección desde decembro de 2015, a facultade abríu un proceso electoral no que este xoves se procedía á proclamación provisional da única candidatura presentada, que se someterá a votación da Xunta de Facultade o vindeiro mércores.

Torres, que xa fóra decana da facultade entre xullo de 2014 e decembro de 2015, sinala que o feito de que "a facultade necesita unha estabilidade no equipo de goberno", sumado a "non poder ter feito máis no seu momento, porque estiven moi pouco tempo", como as dúas circunstancias que a animaron "a dar un paso adiante e presentarme".

Faino á fronte dun equipo do que forman parte os actuais vicedecanos José Pita, Paulino Pérez e Tino Cordal como responsables de Erasmus e Alumnado, Promoción e Comunicación e Infraestruturas e Asuntos Económicos, respectivamente. Completan a candidatura as profesoras Silvia García Mirón, como vicedecana de Calidade e Docencia, e Soraya Rodríguez, como secretaria académica.

En xullo de 2014, Emma Torres converteuse na primeira decana na historia da facultade. Non obstante, as dificultades para compaxinar o cargo coas responsabilidades que entón ostentaba como tenente de alcalde no Concello de O Grove levárona, a finais de 2015, a presentar a súa renuncia.

Torres fora relevada por Baamonde, quen permanecía á fronte do centro desde entón e que hai unhas semanas presentou a súa renuncia a completar o seu segundo mandato por razóns persoais.

"Darlle continuidade ao traballo anterior, que, ben é certo tamén, viuse totalmente alterado pola covid-19" constitúe un dos obxectivos cos que presenta a súa candidatura Emma Torres, que pon de relevo o esforzo realizado polo actual equipo. Mais, pese a que a situación sanitaria obriga "a manter unha liña de traballo específica sobre a covid-19", entre os seus obxectivos está tamén "intentar retomar a normalidade dentro do posible, tendo en conta a realidade que nos tocaría asumir e que nos vai condicionar moito no día a día", tentando combinar os traballos aos que obriga a covid-19 con "outra serie de asuntos que están enriba da mesa". 

Neste punto, alude á creación da Facultade de Dirección e Xestión Pública, "que apoiamos totalmente e que vai ser un proceso longo". A candidata sinala tamén á renovación da acreditación a que neste curso debe someterse Publicidade e Relacións Públicas, "que está a funcionar moi ben, pero que precisa dunha actualización do seu plan de estudos".