"Para empoderar á muller, as clases preparto son fundamentais"

O 5 de maio é o Día da Matrona ► Especialistas ofrecen este servizo para que "non vaian parir con medo"
Daniela González Freitas, matrona e consultora de lactancia. DAVID FREIRE
photo_camera Daniela González Freitas, matrona e consultora de lactancia. DAVID FREIRE

Con raíces en Antas (A Lama), pero nacida en Brasil, Daniela González Freitas (Salvador de Bahía, 1982) ten dez anos de experiencia como matrona, e ademais é IBCLC (consultora de lactancia certificada) e coach de maternidad. Desde o pasado mes de marzo dirixe a consulta Canal Maternal - Daniela Matrona (Michelena, 1), cunha sala de 35 metros con terraza que permite a ventilación e unha ampla oferta na que se inclúen cursos de preparación ao parto. Nai de tres fillos, dous deles nacidos de xeito natural e mesmo sen epidural, confésase unha "friqui do parto e da lactancia". Ademais é moi activa nas redes e tamén aposta pola divulgación a través de Youtube (https://youtube.com/c/CanalMaternal).

Cando abriu esta consulta e cal é o seu obxectivo?

Abrina en marzo e dou consultas de lactancia, de seguemento do embarazo, de técnicas para rotar aos bebés que veñen de nalgas, de concepción e anticoncepción... Fago visitas posparto e outros talleres. A mediados de maio lanzarei algún máis. O martes 4 comeza o primeiro grupo o curso longo de preparación ao parto e educación maternal. Son catro semanas, con grupos reducidos, de tres ou catro parellas. Temos turno de mañá e de tarde. No de mañá aínda quedan prazas. Abordaremos o embarazo, parto, posparto e crianza. Aconsello vir desde a semana 28.

Este curso vén a substituir ás tradicionais clases preparto que ofrecen as matronas nos centros de saúde? Ou xa non existen na sanidade pública?

Desde o inicio da pandemia canceláronse estas clases nos centros de saúde e continúan sen realizarse, así que as mulleres están completamente abandonadas nese sentido. Van a parir con moito medo, sen saber nada do proceso do parto, e tamén por iso decidín abrir esta consulta. Penso que o parto hai que vivilo, non hai que ir como un trámite, non ir ter o bebé morta de medo desexando que pase o antes posible. Hai que disfrutalo e se vas preparada, tanto física como emocionalmente, disfrutas do parto. Eu disfrutei moitísimo os meus dous partos naturais, sen anestesia, porque ía moi preparada.

Cre que as mulleres van con medo ao parto por non ter as clases de preparación ao nacemento?

Nótase moitísimo, sobre todo as primeirizas, porque o que se escoita sempre é a parte mala. Van mortas de medo e o medo fai que estean máis tensas, que o corpo non estea relaxado para poder dilatar e ter ben o bebé. Algunhas si len o que atopan en Internet, pero a información non sempre é fiable. As clases de preparación ao parto son fundamentais para empoderar á muller, que colla confianza no proceso do parto e pense que é unha experiencia fisiolóxica, non unha enfermidade. Se vas preparada pode ser unha experiencia moi moi bonita.

O 90% das nais queren amamantar, pero hai moitísima desinformación, moitos mitos que hai que erradicar

Tamén ofrece clases de lactancia e posparto?

Teño pensado abrir máis adiante grupo de posparto, pero consultas de lactancia si. De feito son a maioría das que teño. A xente busca un profesional que estea actualizado e preparado e as IBCLC somos as que máis preparadas estamos, e non hai moitas.

Ve interese polas nais de agora pola lactancia ou aínda hai moita desinformación ao respecto?

Vexo moitísimo interese. Diría que o 90% das nais si queren amamantar, pero hai moitísima desinformación, moitos mitos e cousas que se escoitan por aí e non son certas. Necesitan un acompañamento. Perdemos a cultura de lactancia e non vemos amamantar e non sabemos como se fai. Quedamos cos mitos que xurdiron co biberón e foron pasando de xeración en xeración. O taller de lactancia será o próximo, para visibilizar, contar os beneficios, consellos para que sexa exitosa e erradicar mitos.

Hai implicación dos pais?

Si. Normalmente nas consultas de lactancia as nais veñen coa parella. Están atentos e axudan.

Adoitan ser nais primeirizas?

A maioría si, pero tamén as hai que xa deron o peito a un fillo anterior e a experiencia non foi como querían, porque non sabían como facelo. Desta vez buscan axuda para unha lactancia exitosa.

Nota que desde o inicio da pandemia as mulleres embarazadas teñen menos consultas?

Si. As consultas coa matrona son as mínimas e algunhas xa telefónicas. Non é o mesmo. Tamén no xinecólogo. Todo moi rápido. Están moi perdidas. Aquí fago o seguemento do embarazo e as clases de educación para a saúde.

Comentarios