viernes. 10.04.2020 |
El tiempo
viernes. 10.04.2020
El tiempo

Emprendedoras que fan que educar en igualdade tamén sexa un xogo de crianzas

As propietarias da xoguetería recibiron este martes a visita de Alfonso Rueda e Susana López Abella. GONZALO GARCÍA
As propietarias da xoguetería recibiron este martes a visita de Alfonso Rueda e Susana López Abella. GONZALO GARCÍA
A xoguetería educativa 'A Balea das Cores', na rúa Castelao, é unha das beneficiarias do programa Emega da Xunta, destinado a fomentar o emprendemento feminino ►Rueda destaca a importancia da axuda para apoiar o talento das mulleres galegas

Ademais de peluches, puzzles, xogos encaixables e un amplo repertorio de agasallos que farían as delicias de calquera crianza, A Balea das Cores contén moito máis. É o resultado dunha idea que empurrou a tres emprendedoras de Pontevedra, Redondela e Santiago de Compostela a abrir na rúa Castelao unha xoguetería educativa. As tres (Vanesa Osorio, Almudena López e Claudia Silverio) son nais e compartían unhas ideas parecidas sobre crianza, así que apostaron por facer "unha tenda de xoguetes que intentan educar en igualdade e dun modo libre e crítico, para que os nosos nenos e nenas desenvolvan esas habiliddes e o día de mañá sexan unhas persoas adultas con ese tipo de valores", tal e como explicaron as socias e propietarias.

A idea de asentar o seu negocio na capital do Lérez debeuse a que, despois de ver varias opcións, estas emprendedoras decatáronse de que "Pontevedra tiña menos xogueterías deste tipo" e pensaron que "podiamos achegar algo e ter un lugar aquí". Ademais, namoráronse do local e da zona desde un principio, así que "todo foi moi favorable para que fose neste sitio", afirmaron. E o resultado indica que non se equivocaron: "De momento estamos moi contentas e cremos que a xente de Pontevedra tamén está contenta con nós", engadiron.

AXUDA IMPORTANTE. Para lograr levar a súa idea á práctica, estas emprendedoras contaron cunha axuda do Emega da Xunta, un programa para fomentar o emprendemento feminino e, desta forma, apoiar o empoderamento económico e social das mulleres.

"Este tipo de axudas son moi importantes, porque o inicio dunha empresa sempre é difícil e, se non contas con recursos propios, é complicado comezar", engadiu unha das socias.

Precisamente, A Balea das Cores recibiu este martes a visita do vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, quenes destacaron a importancia de apoiar iniciativas empresariais lideradas por mulleres para fomentar a participación feminina no mercado de traballo e acadar a igualdade de oportunidades neste ámbito.

Así, Rueda sinalou que o programa Emega "permite que as boas ideas das emprendedoras galegas se poidan materializar e converterse en realidade" e puxo en valor que elas son "as que máis arriscan, pero esta pequena axuda é fundamental porque chega no momento no que máis se necesita, que é ao principio", dixo.

O vicepresidente galego tamén subliñou que "en Galicia hai moito talento feminino e o deber da Xunta é estar aí". Ademais, incidiu na necesidade de promover o desenvolvemento profesional das mulleres e unha maior participación feminina na actividade económica e laboral, "con medidas como o programa Emega, que axuda á creación de postos de traballo para as mulleres e que favorece o emprendemento desde a innovación mediante a apoio a novas oportunidades de negocio que funcionan como motor de cambio e progreso da comunidade".

PROGRAMA DA XUNTA. As axudas do Emega están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, que busca aumentar a contratación de mulleres, especialmente en sectores económicos que presentan un alto potencial de emprego con escasa presenza feminina.

O programa conta con catro liñas de actuación específicas: a liña Emprende está destinada á promoción da posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a crear emprego por conta allea; Innova busca promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; Activa está pensado para favorecer a reactivación e consolidación de empresas a través de medidas de renovación, ampliación ou cambio de localización dirixidas a paliar unha situación económica adversa; e ITEF pretende incentivar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres.

A maiores, este plan establecese unha liña complementaria, a Concilia, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Hai máis mozas emprendedoras, pero en sectores máis precarios que os homes
O emprendemento medra entre as mulleres mozas, pero estas emprenden en sectores más precarios. Esa é unha das principais conclusións do informe Diagnóstico sobre igualdad de género en el emprendimiento para jóvenes, presentado onte por expertas de Acción contra el hambre e emprendedoras que explicaron como viviron a fenda de xénero. "El estudio muestra datos alarmantes, como que el 60% de mujeres que deciden emprender abandonan el proceso", explicou Ana Alarcón, de Acción contra el Hambre.

Sector servizos
Ademais, sinala que as mulleres emprenden máis no sector servizos, "con la consecuente menor remuneración, mayor competencia, márgenes de beneficio reducidos, menores posibilidades de supervivencia y menor innovación tecnológica", indica o informe.

Emprendedoras que fan que educar en igualdade tamén sexa un xogo de...
Comentarios