"A empresa fixo como un tirachinas, tensou para atrás e agora disparouse moi rápido"

Hai 20 anos facía espectáculos en solitario en discotecas. Hoxe o pontevedrés Pablo Méndez é un dos principais referentes no ámbito das perfomances e un dos artistas con maior demanda. Hai uns meses o xurado de Got Talent caeu rendido aos seús pés e apenas hai unhas horas AJE Galicia concedeulle o Premio Xove Empresario
Gon Nave de Pablo Mendez Performances. Chamar antes para quedar con el. Falade comigo e pasovos o telefono. Reportaxe sobre situación limite da empresa tras 8 meses parados., jueves, 5 nov · 16:30–17:30
photo_camera Pablo Méndez en la nave de su empresa. GONZALO GARCÍA

DE ENTRE todas os candidatos que chegaron á final dos premios anuais da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia, o pontevedrés Pablo Méndez foi galardoado co Premio Xove Empresario de Galicia 2021. O recoñocemento chega nun momento de auténtica explosión da sociedade, que pasou de estar arrinconada pola covid a ter nestes momentos a axenda repleta, con espectáculos encargados ata febreiro de 2022.

Era un galardón esperado?

A nosa candidatura foi proposta por AJE Pontevedra. Eu non puiden acudir ao acto, que estou de xira, pero a verdade é que non nos imaxinabamos gañar.

E como o recibe?

Pois imaxínate. Un recoñecemento desta maneira, concedido por unhas institucións tan importanes... é un honor e un orgullo. Ademais, dá moita visibilidade á empresa e permite que nos coñeza moita xente, algo moi importante hoxe en día.

Como, cando e por que sentou os alicerces da empresa?

Foi nacendo pouco a pouco. Empecei hai 20 anos, creando espectáculos para discotecas, que era onde se consumían máis creacións deste tipo. Ao principio actuaba solo, pero decateime de que canto máis orixinais eran os traxes, máis gustaban as actuacións e máis traballo tiña. E así ata o día de hoxe. Sempre na liña de querer crecer e facer cousas máis grandes, emocionantes e bonitas, e diversificando moito os clientes, a clave da cantidade de traballo e dos números de facturación que temos hoxe en día. Somos moi camaleónicos.

Que tipo de clientes?

Públicos e privados. Facemos dende comuñóns a espectáculos como o que celebramos a semana pasada para conmemorar o 50 aniversario do Teatro Circo de Cartagena. E logo tamén traballamos con organismos publicos, como a Xunta, a Deputación, concellos...

Como respira actualmente a empresa? Porque o 2020 foi duro.

A empresa fixo como un tirachinas. Tensou para atrás e agora disparouse moi rápido. Todos os eventos que se programaron en marzo e abril estanse solidificando e agora mesmo temos traballo ata febreiro de 2022 e seguimos absorbendo encargos. Andamos nunha media de catro ou cinco posibles eventos diarios e temos actuacións todos os días, algo moi estraño nunha empresa de artes escénicas, que normalmente traballa a fin de semana ou, con moita de sorte, de xoves a domingo. Esta semana mesmo facemos triplete, con tres espectáculos no mesmo día en distintos puntos da xeografía española.

Medrou tamén a plantilla?

Temos a seis persoas fixas dedicadas aos traballos de oficina e á creación de material e espectáculos, máis 40 artistas. Recuperamos totalmente o equipo, incorporamos a xente nova e imos ter que contratar a máis, porque a previsión que temos é moi bestia.

É doado atopar un artista?

Intentamos traballar con xente de Pontevedra e concellos de arredor, como Marín, Poio ou Vigo, que ou teñen formación ou facilitámola nós. Pero é certo que polo volume de traballo que temos estamos comenzando a traer artistas de fóra, de Madrid ou Canarias, porque non temos tempo para formar a toda a xente.

A covid obrigou a reformular os espectáculos?

O que nos coloca máis trabas é o uso da máscara en certos espectáculos, porque complica a transmisión da enerxía e da xestualidade, pero isto non sempre sucede. Nos teatros estamos actuando sen máscara, aínda que faltan os aplausos do 50% do público, algo que tamén se nota.

En novembro de 2020 anunciaba neste diario que, dada a situación, sacaba á venda as furgonetas e un piso para aguantar o tirón. Mesmo planteaba acudir ao concurso de acredores.

Foi o momento máis crítico. Podiamos sobrevivir, de feito non vendimos nada, pero viamos tan negro todo que decidimos esta estratexia para manter un nivel de ‘cash’ e aguantar un ano máis. Ao final funcionou, porque cando saímos no periódico contando esta situación moitos concellos viñeron tocar á nosa porta dicindo que querían axudar. De aí saíu moito traballo de cada o Nadal.

Nese momento negro, chegou a pensar en tirar a toalla?

Non, porque cos Erte e a redución dos gastos podiamos aguantar. Xamais pensei en tirar a toalla. Non sabería facer outra cousa. É a miña vida e o único motivo para levantarme pola mañá.

Sempre se imaxinou enriba dun escenario ou tocou outros paus?

Estudiei música no conservatorio, porque empecei a traballar con 14 anos nas orquestras e medio abandonei os estudos. Tamén me formei como bailarín e do resto fun aprendendo a medida que o guión o esixía. Hoxe, co tipo de espectáculos que facemos, temos que contratar a persoas para que nos formen en distintas disciplinas. Pero a formación neste negocio é constante. Os espectáculos cambian, a tecnoloxía evoluciona....O empresario que non sepa reciclarse e aprender está perdido

 As súas actuacións causaron furor no programa de televisión Got Talent. Tivo algún tipo de repercusión?

Por suposto. Got Talent fíxonos chegar a moitísimos concellos que aínda están chamando á nosa porta. A actuación que comentaba antes en Cartagena, por exemplo, foi contratada a raíz do programa. Pero é que un xurado diga que nos parecemos ao Circo do Sol en Prime Time fai que directamente moita xente confíe.

E só falta Oceanía para pisar todos os continentes

Si. Non estivemos en Australia, pero si en América do Norte, América do Sur, África, Asia e por Europa xa podes imaxinar.

"Cremos que pode aportar moito ás artes escénicas galegas, porque é un formato que non existía"
De todos os espectáculos que realizou ata agora, con cal se queda?

A verdade é que todos teñen un feeling especial, porque todos son creados con moito agarimo e adoitan xurdir dunha idea previa, unha historia. Agora temos un espectáculo para teatros que funciona moi ben. Chámase Quimera, do que escenificamos unha pequena parte en Got Talent. Cada vez que imos ao teatro, a xente vólvese tola. E cremos que pode aportar moitísimo ás artes escénicas galegas, porque é un formato que non existía antes.

En 2019 a súa compañía celebrou 580 actuacións distintas. Podemos ver algunha preto de Pontevedra?

Agora mesmo temos moitas accións de promoción do comercio local. O venres estaremos con elas en Fene e o sábado en Santiago. Durante todo o verán estamos os venres e sábados no Hotel Augusta Spa Resort de Sanxenxo.

Comentarios