Empresas galegas executan o 90% da integración paisaxística de Ence

A iniciativa, pioneira en España, supuxo unha inversión de catro millóns de euros
2020011810273896965
photo_camera Vista da fábrica de Ence. RAFA FARIÑA

O 90% do investimento do proxecto de integración paisaxística da fábrica de Ence en Pontevedra foi acometido por empresas galegas. Esta iniciativa pioneira no sector industrial de España supuxo un investimento total de 4 millóns de euros.

No proxecto participaron recoñecidas empresas galegas tales como Guindastres Norte, Cortizo, Arteal, Stadd ou Eleukon. Estas firmas levaron a cabo a fabricación e instalación das envolventes que revisten os edificios de maior envergadura da biofábrica.

Segundo informa a compañía, a práctica totalidade das empresas galegas que participaron neste proxecto pertencen á comarca de Pontevedra, como é o caso de Construcións San José, Metalyset, Luber, Dexo, Montajes Pichel, ASAI ou Taelpo, "sendo este un claro exemplo da aposta da compañía polo talento local e a xeración de riqueza da comunidade autónoma", destacan.

Tal e como indican desde Ence, "unha vez máis a compañía demostra o firme compromiso que mantén coa súa contorna, non só en materia ambiental, senón contribuíndo tamén no plano económico na comarca de Pontevedra e a comunidade galega, na que xera 5.100 postos en todo o territorio".

Neste proxecto, os edificios máis visibles do conxunto industrial foron rodeados por un entramado de pezas de madeira que, segundo subliña a empresa, permite "unha maior integración paisaxística" da planta no contorno. Ademais, a empresa vén de plantar diferentes masas arbóreas arredor do complexo industrial, ademais de reforzar as zonas axardinadas existentes nos terrenos que ocupa.

Comentarios