Cinco empresas ofertan á Deputación 1.500 composteiros para o Plan Revitaliza

Dúas firmas catalanas, dúas madrileñas e unha navarra compiten polo subministro

Composteiro individual. DP
photo_camera Composteiro individual. DP

As máis importantes empresas especializadas en compostaxe do estado teñen a vista posta en Pontevedra. Dúas firmas catalanas (ID Waste e Alquienvas), dúas madrileñas (Plastic Omnium e Barca Brand) e unha navarra (Vermican) veñen de presentarse ao concurso da Deputación de Pontevedra para subministrar os 1.500 composteiros individuais de exterior que repartirá a institución provincial ao abeiro do Plan Revitaliza.

O contrato suporá a entrega de 1.300 composteiros de entre 300 e 400 litros (cun prezo máximo de 54,45 euros por unidade) e de 200 de entre 800 e 900 litros de capacidade (cun prezo máximo de 90,75 euros cada un). Os técnicos da Deputación coñeceron as propostas na mesa de contratación e elaborarán un informe nas vindeiras semanas analizando se cumpren cos esixentes requisitos solicitados.

Os criterios non susceptibles de ser contificados puntuaranse cun máximo de 49 puntos. Estes son: o deseño, robustez e facilidade operativa -ata un máximo de 28 puntos-; os criterios ambientais como materia primas utilizadas, ciclo de vida -ata un máximo de 16 puntos-; e o plan de reciclaxe -ata un máximo de 5 puntos-. A maiores, valoraranse cun máximo de 51 puntos o mellor prezo ofertado -ata un máximo de 40 puntos- e as melloras -ata un máximo de 8 puntos-. Como complemento de mellora incluíuse o subministro de aireadores, considerados un elemento substancial e vinculado ao proceso de compostaxe, xa que serven para remexer o estruturante vexetal coa materia orgánica para provocar a súa aireación, secado e demais procesos biolóxicos. O prazo de garantía da subministración -ata un máximo de 3 puntos- estableceuse nun mínimo de 24 meses e un máximo de 60.

Os composteiros individuais de exterior serán repartidos entre os 36 concellos adheridos ao Plan Revitaliza na provincia, que está xa na súa terceira fase. Estarán destinados a familias que vivan en zonas rurais e dispoñan de horta na que instalalos para tratar mediante compostaxe os seus residuos orgánicos procedentes da cociña, e tamén da horta ou do xardín.

Comentarios