Seis empresas optan ao proxecto de reforma da estación de autobuses 

 A Xunta, que investirá 1,5 millóns de euros, prevé adxudicar o contrato a principios de ano

Estación de autobuses de Pontevedra. ADP
photo_camera Estación de autobuses de Pontevedra. ADP

Seis empresas presentaron as súas ofertas para levar a cabo a redacción do proxecto básico e de execución da reforma da actual estación de autobuses de Pontevedra, na que a Xunta investirá 1,5 millóns de euros. Este contrato, cun prazo de execución de catro meses, conta cun orzamento de licitación de máis de 41.000 euros. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda prevé adxudicalo a comezos de ano para, de forma inmediata, iniciar os traballos de redacción do proxecto. 

Estas obras forman parte das actuacións programadas para a estación intermodal de Pontevedra, que se complementará coa conexión desta terminal coa estación de ferrrocarril, cuxo proxecto construtivo está xa en redacción e que suporá un investimento de 2,5 millóns de euros. 

As obras forman parte do proxecto da intermodal e complementaranse coa conexión desta terminal coa estación de ferrocarril


As obras de adecuación do edificio actual da estación de buses consistirán na reordenación dos locais, dotación de mobiliario (bancos e zona de recepción) e ventás, reparación de humidades e acondicionamiento de superficies, teito e aseos, arranxo da instalación eléctrica e renovación da iluminación. Ademais, está previsto actuar no exterior do edificio, mellorando a estética da fachada, renovando a cuberta para aproveitar a luz natural e facendo a canalización e reparación de elementos de recollida de augas pluviais, etcétera. 

En relación coa conexión entre ambas as dúas terminais, prevese a execución dun itinerario peonil desde a estación de autobuses ata a de tren, mellorando o percorrido actual. Tamén se eliminará o acceso ás dársenas desde a rúa da Estación, crearase un espazo público no que se xerará unha praza, pavimentaranse as zonas de tránsito peonil e acondicionaranse o aparcadoiro, a zona de despedida, a parada de taxis e a explanada da estación de ferrocarril.

Así mesmo, levarase a cabo o novo acceso de entrada e saída de autobuses desde a avenida de Josefina Arruti, reorganizarase a circulación dos autobuses na zona de dársenas e pecharase o ramal actual de entrada á estación coa liberación dos marcos de encauzamento do río Gafos e a adecuación da zona, ademais do peche perimetral da estación. 

En total, o proxecto da estación intermodal de Pontevedra suporá un investimento de preto de catro millóns de euros, dos cales a Xunta achegará preto de tres e o Concello de Pontevedra, un millón. 

O Executivo autonómico reservou nos Orzamentos de 2018 unha partida de 800.000 euros para avanzar nesta actuación, que facilitará un intercambio áxil e seguro entre as estacións.

Comentarios