Sábado. 25.05.2019 |
El tiempo
Sábado. 25.05.2019
El tiempo

"En Celulosas poderíase crear industria non contaminante e con máis emprego"

Ainoa Franco e Marcos Sertal, co diploma e a medalla, na biblioteca do instituto. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Ainoa Franco e Marcos Sertal, co diploma e a medalla, na biblioteca do instituto. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Dous alumnos do IES Luís Seoane participaron no XXI Encontro de Jovens Cientistas de Santarém cunha comunicación sobre os océanos e os problemas que lles causa o ser humano

Un océano de diversidade é o título da comunicación coa que que Ainoa Franco e Marcos Sertal, estudantes de 4º da ESO do IES Luís Seoane, veñen de participar no XXI Encontro de Jovens Cientistas das Escolas Asociadas da Unesco en Santarém (Portugal), que esta edición abordou o tema Que océano queremos no futuro. Ademais da súa intervención, escoitaron aos representantes chegados desde Brasil, Estados Unidos, Italia, Alemaña e o propio país anfitrión, ademais de España (foron dúas escolas galegas, a outra é o IES Pazo da Mercé, das Neves; e unha de Madrid). Tamén extraeron conclusións en equipo e gozaron da diversidade de manifestacións culturais.

Os alumnos, de 15 anos, fan balance da experiencia xunto á coordinadora do Plan de Escolas Asociadas Unesco no instituto, a profesora María Xosé Dourado, que os acompañou na viaxe de catro días.

Franco e Sertal estreáronse nesta iniciativa, na que o IES leva participando 18 anos, grazas ao azar e animados polos compañeiros maiores. "Foi mellor do que esperabamos", afirma a rapaza.

As fosas radioactivas, os sentinazos, as catástrofes naturais ou os accidentes dos petroleiros son outras agresións aos mares

"Contamos a relación entre o mar e Galicia e os problemas que existen", apunta Sertal, como poden ser "os sentinazos que ocorren nas costas, Celulosas, os desastres petrolíferos, os microplásticos...". Empezaron a traballar nesta comunicación a finais de outubro e tiveron que mergullarse para reunir toda a información posible. "Sorprendeunos que houbera tantas illas e a cantidade de turistas que veñen a Galicia".

Os dous coinciden en que se poderían aproveitar mellor os recursos medioambientais para reactivar a economía e propoñen medidas como "eliminar o plástico". De feito, na súa intervención tamén falaron dos males que afectan ao océano e que teñen que ver coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable que perseguen como escola asociada á Unesco. Entre eles, apunta Dourado, figuran os mares e as augas.

Así, analizaron os elementos positivos, pero tamén os negativos, como o turismo non sustentable, a construción de paseos marítimos "que moitas veces comen o océano", as catástrofes naturais e o cambio climático "pola intervención do home"... E tamén "as fosas radioactivas, que nos sorprenderon moito; nelas hai toneladas de depósitos de material dos anos 70 ou 80, aí, a 200 millas de aquí".

Tanto Ainoa como Marcos se senten próximos ao mar e, a pesar da súa xuventude, non son nada optimistas respecto ao hipotético traslado de "Celulosas" da ría de Pontevedra. "Descubrimos que no espazo que ocupa poderíanse construir distintas fábricas, de industria non contaminante, que crearían máis emprego", ademais de impulsar o marisqueo na zona.

Dourado confía en que o coñecemento tras esta investigación leve aos mozos a "actuar dun modo racional e sustentable"

ENRIQUECEDOR. Ademais de en "Celulosa", tamén fixeron fincapé no "altamente tóxica" que é a Alúmina, outra fábrica situada ao pé do Cantábrico.

Dourado está convencida de que actividades coma esta serven para que a mocidade sexa consciente da situación do medio ambiente e actúe en consecuencia. "Esperamos que o coñecemento os leve a actuar dun xeito racional e sustentable. Se descoñecemos, parece que algo está moi ben, e en canto empezamos a investigar descubrimos o que se pode mellorar".

Ademais da propia comunicación, o de Santarém foi un encontro "moi enriquecedor en moitos aspectos", xa que aprenderon moito das intervencións dos estudantes doutros países. "Falaron dos problemas que o ser humano lle causa ao océano", polo que, concluíron, evitar a contaminación dos mares é fundamental.

MICROPLÁSTICOS. "Os italianos contáronnos que unha quinta parte dos peixes que consumimos teñen microplásticos nos seus organismos", o que consideran preocupante. "O noso corpo non está preparado para iso". Esta situación vén provocada por todas as toneladas de plástico "que non se recicla, que se bota ao mar e que o acaban comendo os peixes".

Ademais das presentacións, traballaron en equipo e reflexionaron sobre as comunicacións dos outros grupos para elaborar unhas conclusións comúns.

Pero a viaxe a Portugal non se cinguiu ao traballo estritamente, xa que tamén houbo tempo para o ocio. Acompañados das súas docentes –tamén acudiu Luisa Márquez– percorreron a cidade de Santarém e Lisboa, onde visitaron o Oceánario, o Mosteiro dos Jerónimos e Belem.

"Tamén fixemos unha actividade na que cada país achegaba algo tradicional relacionado co mar. Nós levamos latas de conservas e explicámoslles o que eran", apunta Ainoa. Foron, desde logo, catro días ben aproveitados.

O tema do vindeiro ano será a loita contra a desertificación en mans da mocidade, polo que "xa estamos pensando no que podemos achegar sempre desde a visión de Galicia", sinala Dourado.

O centro recolle un galardón en Madrid polo proxecto Obxectivo: Igualdade

A fundación GSD Innova concedeu un premio de innovación educativa a unha iniciativa nacida no instituto hai catro anos para loitar contra o machismo nas aulas

O director do IES Luís Seoane, Carlos García, e a docente coordinadora do proxecto, a propia María Xosé Dourado, viaxarán o 4 de febreiro a Madrid para recoller o Premio Nacional Fundación GSD de Innovación Educativa, no que acadaron o primeiro posto na súa modalide, polo proxecto Obxectivo: Igualdade. O xurado, explica a fundación, valorou "la importancia de la igualdad de género como valor social".

Os docentes acudirán acompañados de Alba Lorenzo, ex-alumna do instituto e impulsora, no curso 2014-2015, deste amplo traballo multidisciplinar para loitar contra o machismo no centro e difundir a igualdade e o respecto entre os seres humanos. "Só hai que ver a avaliación do proxecto que o alumnado realiza para decatarnos das melloras conseguidas". Foi o estudantado "o que viu o problema e o que continúa buscando a igualdade", apunta Dourado. Así, o resultado positivo "apreciáse entre as súas relacións e no clima das aulas".

Dourado lembra que desde hai seis anos participan en programas ligados á igualdade, conmemoran o Día dos Dereitos dos Nenos e as Nenas, analizan a repercusión de figuras femininas como Malala e Gloria Fuertes ou invitan a escritoras para falar dos seus libros.

DOTADO CON 7.000 EUROS. Aínda así, hai catro anos observaron que "algo estaba a pasar que alteraba o normal percurso educativo" en 4º da ESO, xa que alumnos e alumnas "reproducían na escola os roles patriarcais e o respecto entre iguais esvaíase". Foi entón cando naceu Obxectivo: Igualdade, un proxecto que agora recibe un premio dotado con 7.000 euros.

A iniciativa consiste, basicamente, en eliminar os comportamentos machistas e empoderar ás nenas e mulleres. "Como docentes que tamén somos nais e pais propoñémonos asumir o compromiso de educar e fornecer as mesmas posibilidades a alumnos e alumnas para lograr que sexan persoas quen de cambiar aquilo que empeora o mundo". Entre as actividades incluídas no proxecto figuran a constitución do grupo NeoFem ou unha entrevista con representantes de ONU-Muller.

"En Celulosas poderíase crear industria non contaminante e con máis...
Comentarios