Oito euros por función

Ponteatro traerá "o mellor teatro" a Pontevedra

O Principal acollerá de outubro a decembro unha nova edición de Ponteatro ►"Este ano o protagonista vai ser o humor", destaca Anxos Riveiro
A concelleira de Cultura, este luns, na presentación de Ponteatro
photo_camera A concelleira de Cultura, este luns, na presentación de Ponteatro

A nova temporada teatral está a piques de comezar en Pontevedra. Farao coa chegada do outono e da man da cuarta edición de Ponteatro, unha iniciativa impulsada polo Concello que ten un dobre obxectivo: achegar esta disciplina ó maior número de persoas posible e promocionar, de paso, as obras con selo galego. 

A oferta teatral inclúe oito producións distintas: seis para as noites dos xoves e outras dúas para os denominados venres golfos. Todas as funcións celebraranse no Teatro Principal á mesma hora, 21.00, excepto as proxectadas para os venres, que comezarán ó fío da medianoite.

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, asegurou este luns que o cartel deste ano "estará á altura do nivel de aceptación do público pontevedrés". "As propostas son inmellorables", subliñou. 

A nova edición de Ponteatro estrearase cunha obra de Producións Teatráis Excéntricas o 6 de outubro, Os amores de Jacques o Fatalista, e rematará coa actuación do Grupo Chévere e o seu Eroski Paraíso o 15 de decembro. Os chamados venres golfos terán dúas sesións: a do 21 de outubro, na que a compañía A Panadaría representará a obra Panamericana, e a do 25 de novembro, na que Triatreros farán o mesmo con Listo para sentenza (consultar o resto do programa na parte superior desta páxina).

273 PERSOAS POR SESIÓN. O Goberno local confía en que o público siga apoiando este tipo de iniciativas culturais. "Este ano o protagonista vai ser o humor, que moita falta fai", destacou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, que informou de que na edición de 2015 de Ponteatro rexistrouse unha asistencia media de 273 persoas por sesión.

A concelleira do BNG espera que a nova temporada teatral sirva tamén como un elemento dinamizador máis da hostalaría en Pontevedra. "Sempre está ben cando un sae do teatro, aínda que sexa ben entrada a noite, ter un lugar para poder ir cear ou tomar algo", dixo.

Ponteatro tampouco se esquecerá dos máis cativos. Para eles proxecta tres funcións matinais, que se organizarán en colaboración cos colexios e institutos da cidade. As obras escollidas para o estudantado pontevedrés son Palabras Malditas, de Teatro do Noroeste; Foucellas, de Talía Teatro, e Get Back, de Eme2 Emoción & Arte.

"Este ciclo traerá a Pontevedra o mellor teatro do país", destacou Riveiro, que lembrou que a venda de entradas xa está dispoñible a través dos medios habituais: en Internet e, de non esgotarse, nas billeteiras do Principal unha hora antes de cada sesión.

Comentarios