En3vistas afondará na relación entre a lingua dos falantes e a súa vida

Entre o 2 e o 6 de agosto celebraranse cinco faladoiros con representantes de diferentes eidos culturais ►Chus Gómez exercerá de mestra de cerimonias
O músico Manuel González, Ortiga. JANITE
photo_camera Ortiga participará nesta edición de En3vistas. JANITE

O Concello de Pontevedra ofrecerá na primeira semana de agosto a segunda edición do ciclo de entrevistas En3vistas, unha aposta pola normalización da lingua galega e a procura de novos referentes en diversos eidos culturais e sociais.

As conversas terán unha primeira parte coa entrevista aberta ao público e ao aire libre na cidade; e, por último, a posibilidade de seguir todas estes faladoiros en liña, na Rede, ben ao vivo –a través de Facebook e Instagram–, ben en diferido –por YouTube–.

"Esta é unha nova edición, mais mantemos algunhas formas da primeira, igual que certos obxectivos", explicou Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística. "Por unha banda, queremos amosar a lingua que se vive, que se fala, e coa que se traballa con total normalidade como parte da sociedade. Doutra banda, queremos coñecer a relación das persoas de diferentes eidos coa lingua", apuntou o edil.

O concelleiro sinalou que os convidados pertencerán a cinco eidos diferentes: moda, arte, ciencia, televisión e teatro, e a música. "A lingua é o eixo transmisor de todo este programa, e buscamos aspectos en común, non puramente lingüisticos, entre xente que fai cousas distintas e que as fan en galego", explicou.

Nesta ocasión, o departamento de normalización quixo apostar por un formato de entrevista máis clásico, aínda que non se deixará de lado o fomento da conversa pura entre as persoas que van participar. Este ano a xornalista Chus Gómez Dorrego, redactora de Diario de Pontevedra, collerá o papel de mestra de cerimonias, entrevistando e fomentando o diálogo entre todos os participantes, afondando nos aspectos do día a día lingüístico, amais de coñecer os perfís máis persoais dos poñentes.

Oubiña tamén quixo sinalar o correcto e obrigado cumprimento das normas sanitarias que existan no momento do ciclo, con control de acceso, cadeiras, separación, máscaras e, na procura da comodidade e a mellor experiencia posible, unha sonorización adecuada das conversas, tanto para o público presente como para os espectadores dixitais.

PROGRAMA EN3VISTAS
2 de agosto - Avda. de Santa María: Álex Regueiro e María Viqueira
3 de agosto - Xardíns do Dr. Marescot: Mounqup e Masakazu Shida
4 de agosto - Virxe do Camiño: Iria Veiga e Darío Lago
5 de agosto - Pargue dos Gafos: Carlos Blanco e David Amor
6 de agosto - Ponte do Burgo: Pili Pampín e Ortiga

Comentarios