Ence doa unha bobina de 2.000 metros para confeccionar máscaras

Vista actual da factoría de Ence en Lourizán. GONZALO GARCÍA
photo_camera Vista actual da factoría de Ence en Lourizán. GONZALO GARCÍA

A empresa Ence vén de doar unha bobina de 2.000 metros de tea homologada téxtil non tecida (TNT) a un grupo de pontevedresas, as cales puxeron en marcha unha iniciativa solidaria para confeccionar máscaras de forma altruísta.

Este material (tea téxtil non tecida), serve para fabricar máscaras e protexer á poboación de posibles contaxios da Covid-19. De igual modo que a celulosa que se fabrica en Lourizán, a cal se utiliza para o material hixiénico e sanitario, fundamental na loita contra esta pandemia.

Marieli Touza, María Rey e Marga Soliño foron as artífices deste proxecto solidario, tres veciñas de Pontevedra ás que se sumaron ao redor de 25 persoas máis, entre as que se conta cunha gran cantidade de modistas da localidade. Grazas ás doazóns de empresas do municipio, como Ence ou Tegal, este grupo de pontevedresas conseguen os recursos necesarios para confeccionar as máscaras.

Este proxecto, que foi crecendo co paso das semanas, nutriuse principalmente do boca a boca e da difusión en redes sociais, ademais de contar coa colaboración de asociacións culturais e de veciños, as cales fixeron posible chegar a un amplo abanico de pontevedreses que non dispoñen deste material. Segundo indica María Rey, unha das mulleres que puxo en marcha este proxecto, "durante a fase de desescalada que comezaremos a atravesar nos próximos días, as máscaras converteranse nun medio de protección imprescindible. Por esta razón, queremos dotar a todos os veciños dos medios necesarios para evitar contaxios, contribuíndo deste xeito a reactivar a economía local dun modo seguro". Estas máscaras poden ser solicitadas por calquera veciño de forma totalmente gratuíta, enviando un wasap ao número 635 429 035, indicando a cantidade que necesitan e a súa dirección.

Esta iniciativa súmase a outras realizadas por Ence durante a crise, como a doazón de 24 toneladas de material sanitario, poñendo en valor o firme compromiso que a compañía mantén coa súa contorna. Proba diso é que a compañía leva desenvolvendo desde fai tres anos o Plan Social de Ence en Pontevedra, unha das iniciativas sociais de maior envergadura realizada por unha empresa privada en España, onde colabora con 3.000.000 de euros anuais con algúns veciños da comarca.

Comentarios